Educación eliminou xa 155 unidades e 240 postos de traballo en Infantil e Primaria

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público ten convocada para o próximo mércores 27 de xuño ás 11:30 horas diante da consellaría de Educación para manifestar o seu rexeitamento ante as medidas emprendidas desde este departamento de cara ao vindeiro curso

A Xefatura Territorial da Xunta en Lugo vén de confirmar que suprimirá para o vindeiro curso 40 unidades de Educación Infantil e Primaria e 54 postos de traballo de mestres. Con estes novos datos e, a falta de que se confirmen os datos de Ourense, as supresións nestas etapas educativas para 2012-2013 superarán as 155 unidades e os 240 postos de traballo.

Segundo as informacións que manexa CIG-Ensino, a esta altura xa se coñece oficialmente que Educación pretende suprimir na Coruña, como mínimo, 22 unidades de Educación Infantil e 34 de Primaria, en total, 56. Segundo a información facilitada pola Xefatura Territorial isto suporá a supresión de 87 postos de traballo --34 de Educación Infantil, 47 de Educación Primaria, 2 de Inglés, 4 de Francés, 3 de Pedagoxía Terapeútica, 2 de Audición e Linguaxe e 1 de Orientación Compartida--.

En Pontevedra suprímense 19 postos, entre os cales está a supresión de 7 unitarias --4 de francés, 13 de EI e 1 de EP, 1 PT--. A Consellaría tamén adiantou a supresión de 8 desprazados en Secundaria. Ademais, a CIG-Ensino xa denunciou que o traslado de ensinanzas da ESO dende o CPI Celso Emilio Ferreiro ao IES Álvaro Cunqueiro tamén suporá a eliminación de 10 prazas de profesorado.

Por outra banda, a falta de que se confirmen os datos, en Ourense poderían suprimirse máis de 40 unidades e 80 postos de traballo. Tamén, é probábel que algún centro sexa suprimido, e dende logo xa iniciaron o camiño para facelo con moitos no futuro. Ante a onda de recortes, postos en marcha pola consellaría de Educación, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público ten convocada para o próximo mércores 27 de xuño ás 11:30 horas diante do edificio administrativo para mostrar o seu rexeitamento ante estas medidas.