''Queren para o rural unha Educación de terceira''

Dous centros de ensino da comarca de Valdeorras, Rubiá e Vilamartín, botaranse á rúa este domingo en contra duns recortes ''que é doado tomar facendo números sobre un papel, sen coñecer a realidade''. O ano que vén en ambos colexios haberá un ou unha docente e un ciclo menos na Primaria, agrupando na mesma aula nen@s de 1º a 3º e de 4º a 6º. Falamos coas secretarias das dúas Anpas

Dous centros escolares da comarca de Valdeorras botaranse á rúa este domingo en contra das medidas que a Xunta de Galiza está a executar pola calada e que deixarán ferido de gravidade o dereito ao ensino nunha contorna xa de por si esquecida: o rural galego. Ás oito do serán, nos concellos de Rubiá e Vilamartín arrincarán sendas protestas que se prevén multitudinarias a prol da defensa da educación, xa que en ambos os casos o panorama debuxado --de momento "polos rumores", pois a consellaría non só non confirma os feitos senón que insiste en desmentilos-- falan da supresión de profesorado e de ciclos na Primaria por unha cuestión de números.

Rubiá e Vilamartín son dous concellos pequenos da montaña ourensá. Ningún chega a 2.000 habitantes. No centro de ensino do primeiro municipio hai 39 nen@s matriculadas, entre Infantil e Primaria; no do segundo, 44, tamén en total. Até o de agora, o alumnado estaba dividido na Primaria en tres ciclos (1º e 2º, 3º e 4º, 5º e 6º), mais segundo a folla de ruta trazada pola Xunta as crianzas dos tres primeiros cursos agruparanse nunha aula, facendo o propio os dos tres últimos. Para cada ciclo, unha ou un docente. E as horas lectivas non se aumentan, polo que todo apunta a que, por exemplo, @ mestr@s de Matemáticas, dividirá o tempo lectivo --unha hora escasa-- entre os cursos a atender --que serán tres--, procurando que ningún deles fique atrasado sobre os demáis na materia. "Se iso non é mermar a calidade educativa..."

Coas portas do centro a medio pechar
A das dúbidas é Maite Núñez, secretaria da Anpa de Rubiás, quen se pregunta, irónica, "que terá que ver un rapaz de cuarto cun de primeiro?". Seguindo ao pé da letra o plan do departamento que dirixe Jesús Vázquez, convivirán na mesma aula nen@s que aprenden a ler, sumar e restar con outr@s que van xa pola lección das raíces cadradas ou que se preparan para a ESO, como acontecerá, sen saírmos de Ourense, en Vilariño de Conso.

"Queren darnos unha educación de terceira", sinala Núñez, e informa de que no último día de aulas, esta sexta, unha nai de dúas crianzas anunciou que o vindeiro curso académico non o realizarán en Rubiá. "Claro! Buscamos o mellor para os nosos fillos! Mais temos que resistir, porque se os levamos a outros centros estamos a facerlles o favor de baleirar o centro para que poidan pechalo, que é o que queren".

Ao igual que no outro centro, o de Vilamartín, as crianzas teñen dereito a transporte escolar e comedor de balde, ao teren que se desprazar varios quilómetros. "Se decides non levalos alí, tes que buscarte a vida, e aínda por riba aforramos cartos da Xunta", explica Núñez, citando como exemplo o caso de Vilariño, onde a única opción para @s cativ@s que non queiran ser reagrupad@s sería ir ao colexio a Viana.

A historia repítese en Vilamartín
A escena que describe Mónica Fernández para a outra escola é exactamente a mesma. Malia que a Xunta non informou de ningún cambio, souberon de que o ano que vén no colexio haberá un ciclo e un profesor ou unha profesora menos. "É unha decisión inminente, mais queremos que saiban que non estamos de acordo con que se nos prive do dereito a unha educación de calidade só porque temos un cole pequeno e con poucos alumnos", sinala a secretaria da Anpa de Vilamartín. Tras convocar un pleno extraordinario no Concello, onde goberna o PSOE en minoría con 4 concelleir@s --ten outr@s 4 o PP e máis tres APGA, formación de escindid@s do PP--, o Goberno local mostrou o seu apoio á mobilización e comprometeuse a negociar unha xuntanza a tres bandas entre a Anpa, o Concello e a Consellaría.

"A xente nova que volve ao rural porque a vida é máis barata aquí atópase con que non é posíbel ter fillos porque non poden mandalos á escola", apunta Maite Núñez, dando conta de que ao centro escolar terían que acudir nen@s de até 17 localidades --Rubiá é cabeceira municipal--, mais a día de hoxe en moitas delas xa non hai poboación ou non hai crianzas. "A perda de poboación é alarmante, e con estas medidas vaise agudizar. Non entenden que a Educación se divide en ciclos porque cada ciclo ten necesidades diferentes?", insiste con rabia.

Desaparecen profesor@s e ciclos, mais na Xunta ninguén sabe nada
Ao lle preguntármos polos motivos da mobilización, ao comezo da conversa, resposta irónica: "Motivos? Ningúns! Segundo a Xunta, claro..." Núñez soubo das intencións de Educación mediante unha chamada telefónica o día 13, cando unha profesora de baixa foi avisada de que o ano que vén xa non terá traballo. Non foi @ únic@ docente que recibiu o aviso. "Móvense por detrás e a nós dinnos que non está a pasar nada, que non saben de onde quitamos estas ideas".

Ao día seguinte, o 14, tod@s @s nais e pais decidiron en asembleia non enviar @s fill@s ás aulas. Foi o primeiro paso dunha revolta cuxo desenlace semella anunciado, mais que, para os centros de ensino do rural, librala merece a pena. "É doado tomar estas medidas facendo números sobre un papel e sen coñecer a realidade. Ao final imos optar por lles dar aulas na casa, e despois que os examinen eles", conclúe Maite Núñez.