A Xunta suprime a única praza de mestre de Infantil e agrupa nen@s de 3 a 12 anos en Vilariño de Conso

A tesourada ao ensino público no rural cebouse hoxe co centro educativo deste municipio ourensán. No curso que arrinca en setembro unha persoa docente atenderá alumn@s que están a aprender a ler con outr@s que se preparan para a ESO. Seica cómpren 20 matrículad@s para manter os dous mestres. Co prazo aínda aberto van 18, mais a consellaría de Educación non tivo paciencia

Suprimir a única praza que hai de profesor de Infantil, xuntar na mesma aula @s 16 alumn@s que ten o centro, cuxas idades van desde os 3 até os 12 anos e deixar como única alternativa posíbel que as familias que o estimen oportuno envíen @s fill@s a Viana, percorrendo ao redor de 30 quilómetros --os 10 que hai desde a cabeceira municipal sumados aos que separan esta dalgunhas aldeas-- nunha bisbarra cuxa metereoloxía nos meses do inverno a escriben a neve e as arroiadas.

É a folla de ruta que a Consellaría de Educación redactou para o colexio de Vilariño de Conso, en Ourense, un municipio que segundo os datos de 2011 ten 673 habitantes. "Hai trinta anos neste centro tiñamos 150 nenos", explicou Carlos Rodríguez, o mestre cuxa praza vén de ser eliminada, segundo lle confirmou a Inspección educativa mentres falaba con este diario. O alumnado foi baixando nos últimos anos até o punto de que a Rodríguez, que ocupaba o cargo de director, é agora o responsábel da Dirección, "coas mesmas funcións, as mesmas responsabilidades e o mesmo traballo, mais cobrando menos".

Nen@s que se tornan meros números
No departamento que dirixe Jesús Vázquez os números seguían sen cadrar, e baixo esta escusa, adobada co argumento da crise, xa se puxo riba da mesa a posibilidade de pechar o centro dentro de dous cursos. Neste primeiro, que se inaugurará en setembro, experimentarán a idea do reagrupamento de alumn@s de tres anos, "que están aprendendo a ler", con outr@s de doce, "que están a prepararse para a ESO".

Rodríguez soubo desta situación, que esta quinta se confirmou, "por un rumor" e, alén do seu propio posto de traballo, recalcou a súa preocupación pola morte anunciada desta escola cuxo primeiro paso, a supresión da única praza de Infantil, confirmara xa o rexedor do Concello ourensán nunha reunión que mantivo co profesorado e as nais e pais d@s alumn@s o 13 deste mes, seis días despois de que o plan da Xunta chegase aos ouvidos do mestre.

Aprendendo a ler e preparando a ESO no mesmo pupitre
Ao respecto das informacións que están a saír na prensa dando conta do panorama que as tesouradas ao ensino público están a debuxar nos centros do rural, nomeadamente en Ourense, cuxa situación ficaría resolta se se destinasen a estas escolas os 17 millóns de euros que Jesús Vázquez enviou ás contas bancarias de centros privados, Carlos Rodríguez indicou que o de Vilariño de Conso "é un caso punteiro, no sentido de que o agrupamento sería de 3 a 12 anos".

Así as cousas, contou que até o de agora @s 16 persoas que estudan neste centro recibían aulas en dous grupos e con dous profesores: un para Infantil e o primeiro ciclo da Primaria --de 3 a 8 anos-- e outro para o segundo ciclo da Primaria --de 9 a 12 anos--. "Esta división funcionaba perfectamente", fronte ao que agora se pretende. Alén do reagrupamento, a Xunta prevé a supresión da materia de Música e manter unha ou un docente de Inglés itinerante.

"Pintáronnos un panorama negro, sen saída posíbel", que desembocou na recollida de sinaturas "para evitarmos ir a Viana". Rodríguez recalcou que as nais e pais do alumnado manifestaron a súa disposición "a pelexar con unllas e dentes" para retornar ao modelo que até hoxe funcionou, de dúas persoas docentes, e que a Xunta botou abaixo "porque non temos 20 alumnos". E é certo: a día de hoxe teñen 18 e Educación non quixo ter paciencia. Negou o tempo que profesorado e alumnado pediron para confirmar esas dúas matriculacións que faltan.