Educación dispón 1,2 millóns para contratar docentes na concertada

Crianzas ás portas dun colexio. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Os centros que resulten beneficiarios terán que asinar coa Consellaría un contrato-programa que explicitará cuestións como os obxectivos que se pretenden conseguir e as actuacións para desenvolvelos.

A Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades abrirá durante un mes, a partir deste sábado, o prazo de solicitude de subvencións de até 10.000 euros para que colexios privados concertados contraten profesorado de apoio durante o curso académico actual (2022-23) e o seguinte (2023-24).

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta sexta feira a orde desta liña de axudas, que cubrirán os gastos de contratación dun docente orixinados entre setembro de 2022 e xuño de 2024, cun orzamento total de 1.287.324 euros. En concreto, esta convocatoria enmárcase no programa de apoio educativo 'PROA+', cofinanciado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional e pola Unión Europea no marco do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Os centros que resulten beneficiarios terán que asinar coa Consellaría un contrato-programa que explicitará cuestións como os obxectivos que se pretenden conseguir e as actuacións para desenvolvelos.

Os centros receptores das axudas tamén se terán que comprometer, segundo insiste a orde publicada no DOG, a "aplicar, explicitar e desenvolver os principios pedagóxicos 'PROA+', tomando como modelo a escola inclusiva e non segregar internamente o alumnado".

"Diñeiro para a privada mais non para a pública"

Tras a publicación desta orde no DOG, a federación de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG-Ensino) emitiu un comunicado en que manifesta a súa "sorpresa" e mostra a súa desconformidade alegando que, "mentres isto ocorre nos centros concertados", na educación pública, a Xunta da Galiza "só contempla a prórroga das contratacións do programa 'PROA+' aos colexios que tiñan docentes de reforzo o curso anterior, sen ter en conta as novas necesidades de atención educativa" que puidesen xurdir.

"Non temos diñeiro para o ensino público pero si para o privado", resume o sindicato nacionalista, que considera estas actuacións "un dos axiomas" da Consellaría de Educación.

Por iso, a CIG insta a Administración galega a "rectificar canto antes na súa política a favor do ensino privado" e a que destine os case 1,3 millóns de euros a cubrir "as carencias" que ten ensino público.