Segundo as organizadoras da mostra

Educación censura unha exposición de poesía escolar en Cedeira

Imaxe na conta de FB da Coordinadora da Biblioteca do centro.

A raíz dunha “delación anónima”, sinalan desde a Coordinadora da Biblioteca Escolar Punta Candieira, de Cedeira, que defende a “liberdade de expresión” e a libre “creatividade” do alumnado. O verso "Odio España" nun dos poemas podería ser o que motivou a decisión, recoñecen desde a organización.

Unha exposición no centro de ensino Punta Candieira, de Cedeira, de poemas de alumnos de 4º de ESO feitos nun obradoiro co poeta Carlos negro foi retirada por orde da Consellería de Educación. Para as organizadoras da mostra, a Coordinadora da Biblioteca Escolar Punta Candieira estamos ante un caso de “censura” e de ataque contra “a liberdade de expresión”, e así llo transmiten á dirección do centro e á xefatura territorial de Educación nun escrito que esta segunda feira, 1 de abril, presentaron por rexistro. Ademais, a profesora coordinadora da biblioteca puxo o seu cargo de coordinación a disposición da directora.

 

Ela propia, Rosana, relata a Sermos Galiza que se ben non se lles notificou o motivo da retirada da mostra, a decisión podía deberse a que nun poema figuran o verso “Odio España”, que se enmarca entre outros como “Odio a violencia”, “Odio que se me meta o rímel nos ollos”, “Odio os clichés" ou "Odio Monforte". 

 

“Non entendemos que unha delación anónima prevaleza sobre a liberdade de expresión”, lamenta. Porque, aponta, a denuncia, que partiu “dalgún membro do claustro”, é anónima: “Non debeu gostar das poesías”, indica. Nun primeiro momento isto levou a unha xuntanza, afirma a docente, entre a dirección do centro e a coordinadora da biblioteca: “Explicamos que non se insultaba a ninguén e non se ofendía a ninguén e defendemos a liberdade de expresión do alumnado”. "As autoridades académicas deben velar polo dereito de expresión dos alumnos, e de todos os seus administrados, segundo contemplan as leis educativas e tamén a propia Constitución", defenden os responsábeis da iniciativa na súa conta de FB.

 

Esta sexta feira, 29 de marzo, a dirección informaba Rosana de que Educación dera orde de retirar toda exposición, afirma a profesora. Desde o Concello, informa, xa lles anunciaron que estaban dispostos a que os poemas da mostra “censurada” foran expostos no Palacete Municipal.

 

Os poemas tiñan a orixe nun obradoiro creativo, que tomaba como punto de partida a proposta do escritor Carlos Negro e os alumnos desenvolveron en grupos dende a súa propia proposta literaria. Rosana aclara que Negro deixou moi claro mo obradoiro que os límites estaban en non insultar e en respectar as persoas.