O 'Mapa ecosocial da Galiza' debulla a realidade socioeconómica do país

Unha economía sostíbel e respectuosa co medio, o principal reto da 'Galiza caníbal'

Un desenvolvemento eólico sustentábel é fundamental para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro. (Foto: B. Bouzas).
O 'Mapa ecosocial da Galiza', unha obra conxunta da xornalista Rebeca Fernández e o biólogo Xosé Veiras, pon ao descuberto as principais eivas do desenvolvemento económico nas últimas décadas dunha Galiza "produtivista", "desigual" e con "graves afeccións" á biodiversidade e o medio natural.

A economía galega medrou de forma exponencial ao longo das cinco últimas décadas. Porén, este crecemento foi parello a unha forte dependencia dos recursos naturais procedentes doutros países e unha visión "produtivista" na que "todo fica relegado ao lucro empresarial".

Estas son algunhas das principais conclusións que se poden extraer do Mapa ecosocial da Galiza, unha fonda análise da realidade socioeconómica do país e dos eidos nos que cómpre actuar para camiñar cara a unha sociedade "máis xusta, equitativa e respectuosa co medio". É unha obra conxunta da xornalista Rebeca Fernández Hermo e do biólogo Xosé Veiras García, publicada por Catro Ventos Editora.

"Sostémonos sobre tres patas: a economía é unha delas e debe ir ben, mais dun modo sustentábel e compatíbel coas outras dúas: as condicións sociais e ambientais. Sempre falamos de beneficios en termos económicos porque temos unha visión produtivista en todos os eidos, nunca temos en conta os beneficios sociais ou ambientais", explica Fernández a Nós Diario.

'Galiza caníbal'

Ambos os autores poñen o foco en que a sociedade galega está a consumir, en todos os sentidos, por riba das súas posibilidades: "O estilo de vida medio das empresas e da cidadanía depende do subministro de recursos naturais procedentes do resto do mundo e que causan un deterioro territorial neses países. Producimos máis emisións contaminantes que a media mundial, a nosa pegada ecolóxica vai moito máis alá da fronteira galega", sinala Veiras.

"Cómpre sermos conscientes de que, a nivel global, estamos nunha situación privilexiada, mais a costa de depredar outros territorios. Hai que avanzar nas cuestións socioeconómicas, mais buscando sempre un equilibrio territorial e natural", incide Rebeca Fernández.

Mais tamén na Galiza cumpriría reducir o consumo e "avanzar cara a unha economía sostíbel" que inclúa tanto unha aposta pola revitalización da economía rural a través da "agrarización" como unha "renaturalización" do territorio: "Temos a mentalidade de que todo o territorio ermo hai que transformalo, até o último recanto do país. A idea da Galiza como paraíso natural é totalmente ficticia, de folleto turístico. É unha visión autocompracente que se afasta da nosa realidade", engade o biólogo.

É posíbel un modelo eólico sustentábel?

Se a Galiza reduciu de forma perceptíbel a emisión de gases de efecto invernadoiro nos últimos 20 anos foi grazas ao desenvolvemento da enerxía eólica, apuntan os autores. Pola contra, salientan que o inzamento masivo e descontrolado de aeroxeradores por todo o territorio provocou tamén un enorme deterioro da biodiversidade e o medio natural.

"Temos unha política eólica nefasta, que carece da mínima sensibilidade social e ambiental. Debemos seguir camiñando cara á substitución dos combustíbeis fósiles polas fontes renovábeis, mais o prezo territorial que pagamos foi evitábel e excesivo", resalta Veiras.

A este respecto, tanto a xornalista coma o biólogo inciden en que os beneficios da eólica non redundan na sociedade, senón "en moi poucas mans"; en concreto, "baixo o dominio dun oligopolio enerxético".

Unha de cada catro mulleres está en risco de exclusión social na Galiza

Ambos os autores poñen tamén o foco nunha crúa realidade que, se ben non é exclusiva da Galiza, ten aquí unha forte incidencia: as múltiples desigualdades que afectan á muller. Deste modo, afirman que 24,4% das mulleres galegas están en risco de exclusión social: "Cando alguén ten que deixar o traballo e ficar na casa, é ela; cando hai que coidar un neno, un pai ou unha persoa dependente, faino ela. Isto provoca esa taxa de exclusión tan alta, porque todo recae na muller", expón Fernández.

Neste senso, cómpre salientar que 92,8% dos coidados son exercidos por mulleres, e en boa parte dos casos non están remunerados. "Malia os avances do feminismo nos últimos anos, cos datos na man vemos que aínda temos moito traballo por diante", conclúe.