Ecoloxistas recorren a autorización de verteduras de augas residuais da mina de San Finx

Complexo mineiro de San Finx, no concello de Lousame. (Foto: Arquivo)
"Deberase acometer e facer cumprir o plan de restauración mineira, proceder á drenaxe das balsas e eliminalas completamente deste val dada a previsión dun impacto crítico e severo sobre a rede fluvial que se estende ao lugar de importancia comunitaria (LIC) do Esteiro do Tambre", alertan.

A autorización da vertedura de augas residuais ao río Pesqueiras procedentes da mina de San Finx, en Lousame (comarca de Noia), segue a provocar reaccións contrarias a esta decisión adoptada polo Goberno galego a comezos de mes. Ecoloxistas en Acción informa esta segunda feira da presentación dun recurso de alzada por presunta infracción normativa e nulidade de pleno dereito, polo que insta a anular o devandito permiso "polos prexuízos que pode acusar ao val fluvial afectado, á conectividade ecolóxica, á Rede Natura 2000", así como á "necesaria coherencia" da mesma.

"Resulta cando menos controvertido que se minimice o contexto hidrolóxico no que se concede a autorización de vertedura", sinala Verónica Crecente, da área de Minaría desta asociación. Refírese neste punto a un dos eixos centrais do recurso presentado por Ecoloxistas, que alerta de que a autorización da Xunta "non ten en conta a existencia de catro balsas mineiras e varias entulleiras sen restaurar".

Antes de chegar a esa posibilidade, incide Crecente, "deberase acometer e facer cumprir o plan de restauración mineira, proceder á drenaxe das balsas e eliminalas completamente deste val dada a previsión dun impacto crítico e severo sobre a rede fluvial que se estende ao lugar de importancia comunitaria (LIC) do Esteiro do Tambre", na ría de Muros e Noia. Ademais, engade, é necesario ter en conta que a área afectada está "nunha zona protexida de auga potábel e sobre masas de auga soterradas que se solapan coa Rede Natura 2000".

Baixo o lema 'Defende a ría, defende a vida', Ecoloxistas en Acción chama a participar da manifestación convocada pola Confraría de Noia —e apoiada por diferentes colectivos sociais— para este sábado, 4 de marzo, en Noia, co obxectivo de "defender o estilo de vida e as actividades tradicionais vinculadas ao mundo do mar do que na bisbarra dependen de maneira directa ou indirecta centos de familias".

"Hai que considerar que as augas residuais que a mercantil San Finx S.L, pretende verter á cunca fluvial superan mesmo 1,5 quilómetros augas abaixo, os límites fixados nas normas de calidade ambiental para cadmio (Cd), cobre (Cu) e zinc (Zn), que son metais pesados bioacumulábeis, tal e como demostran as analíticas presentadas por Augas da Galiza que figuran no expediente", salientan as activistas.

Todo isto, insisten, nunha circunstancia "na que nin o sistema de tratamento proposto nin a súa capacidade son suficientes para garantir que as verteduras cumpran cos obxectivos de calidade que figuran nas normas de calidade ambiental contempladas no real decreto 817/2015".

A propia Confraría de Noia entregou a pasada semana un novo informe técnico á Xunta que "evidencia o absoluto fracaso da proba piloto na que se basea a planta de tratamento de augas de mina aprobada, que non conseguiu controlar os niveis de cinc e que resultou en concentracións de cadmio e cobra disparados, moi por encima dos valores máximos permitodos para estes metais pesados tóxicos".