Ecoloxistas recorren perante o Supremo o Pniec porque "deixa o desenvolvemento de renovábeis en mans dos promotores"

Aeroxeradores eólicos en Rodeiro. (Foto: Nós Diario)
A Galiza xa cumpre os obxectivos de xeración e consumo de enerxía a partir de fontes renovábeis que o documento fixa de cara ao ano 2030.

O movemento ecoloxista dá un novo paso para frear o "espolio éolico". Onte o Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica (FDXCC), entidade da que fan parte —entre outras organizacións— Adega e a Sociedade Galega de Ornitoloxía, anunciou a presentación dun recurso perante o Tribunal Supremo contra o Plan nacional integrado de enerxía e clima (Pniec) 2021-2030, así como contra a proposta de zonificación ambiental para a implantación de proxectos de enerxía eólica e o fotovoltaica.

O motivo esencial da demanda, sufragada con cargo ás máis de mil doazóns que permitiron ao FDXCC reunir 49.000 euros a través dunha campaña de micromecenado, é a ausencia dun procedemento de participación pública —iniciado após a aprobación do documento polo Goberno español— e dunha avaliación ambiental estratéxica previa —tamén posterior—.

Desde Adega precisan que nin o estudo ambiental do Pniec nin a súa declaración de impacto ambiental "cumpren os estándares mínimos de calidade exixidos legalmente". Así, salientan principalmente a falta dun marco regulador da autorización de proxectos. "[O Pniec] deixa en mans da libre iniciativa dos promotores  estabelecer onde, como e canto acometer o seu desenvolvemento", lamentan as ecoloxistas, que advirten da consecuente e "imparábel" perda da biodiversidade e de solos agrícolas que, porén, "podía previrse adoptando no propio plan unha zonificación vinculante de zonas idóneas para a implantación de renovábeis".

Debido a esa falta de planificación, sosteñen, a 'España baleirada' e nomeadamente unha Galiza que sae "especialmente prexudicada" asisten na actualidade a un "boom" destes proxectos que "supera con fartura os obxectivos do plan".

De feito, o Pniec fixa como obxectivo para 2030 un uso final de enerxía renovábel de 42%, fronte ao 32% que marca o regulamento da Unión Europea 2018/1999, e até 74% de xeración eléctrica a partir de fontes 'verdes', obxectivos ambos os dous que a Galiza xa cumpre na actualidade: 75,7% de electricidade xerada con renovábeis e 46,2% de enerxía consumida procedente destas mesmas fontes segundo o último balance do Instituto Enerxético da Galiza (Inega), con datos de 2020.

O obxectivo de descarbonización, pola contra, é significativamente menos ambicioso no Pniec que nas ordenanzas comunitarias, ao prever ao remate da década unha redución de 23% na emisión de gases de efecto invernadoiro en comparanza co ano 1990, mentres a UE aposta por unha caída de até 55%.

Desde o FDXCC insisten nos danos que ocasionaría ao medio ambiente o "boom descontrolado de grandes instalacións de renovábeis" por mor da situación de "desgoberno" que deixa o Pniec e a "pasividade" do Ministerio para a Transición Ecolóxica, e instan o Goberno estatal a "reconsiderar" a súa postura e avogar por un desenvolvemento de enerxías 'verdes' "conforme aos principios de prevención, precaución, corrección na fonte e uso racional dos recursos naturais".

Denuncias en Bruxelas

Este recurso perante o Supremo chega apenas uns días despois de que Adega presentase na Comisión Europea dúas denuncias contra o Estado español e a Xunta da Galiza por vulneración de diferentes directivas comunitarias nos procedementos de autorización de parques eólicos, unha cuestión que agora está a estudarse en Bruxelas e cuxa resolución coñecerase, previsibelmente, antes de que remate o ano.