Medio Ambiente

Ecoloxistas lusos alertan do potencial contaminador das celulosas de Altri: "Ruído, mal cheiro e emisións de residuos"

Paulo Constantino, líder do ProTEJO. (Foto: ProTEJO).
Altri é unha vella coñecida dos colectivos ecoloxistas portugueses, nomeadamente do Movimento pelo Tejo, unha iniciativa cidadá que vela pola calidade das augas do río e a conservación da súa biodiversidade en beneficio das comunidades locais.

Altri ten na actualidade tres fábricas de fibras celulósicas: a Celbi, en Figueira da Foz, na desembocadura do río Mondego; Caima, na vila de Constância, no distrito de Santarém, no curso medio do río Texo; e Biotek, na Vila Velha de Rodão, un pouco máis ao norte, moi perto da fronteira con Cáceres, no Estado español, onde o Texo conforma unha paraxe natural de gran beleza ademais dun piar esencial das relacións comerciais, humanas e institucionais entre Portugal e o Estado español a longo dos séculos.

Biotek, antiga Celtejo, foi protagonista en 2018 duns presuntos vertidos ao Texo que impulsaron as críticas do movemento ambientalista en defensa do río e contra a contaminación das papeleiras. O Movimento pelo Tejo (ProTejo) non era novo entón na loita contra a polución das augas. Contaba xa máis dunha década de organización e mobilización social a carón de entidades e cidadanía da bacía do Texo. Arlindo Marques virou aquel ano nun dos rostros máis coñecidos. Desde 2014 viña denunciando altos niveis de contaminación que acompañaba de fotografías e vídeos que chegaron a facerse virais. En xaneiro de 2018 compartiu imaxes de "augas escuras", a "escuma da morte", no encoro de Abrantes, uns 60 km río abaixo desde a localización da planta de celulosa en Vila Velha de Rodão.

As licenzas de emisión de efluentes no medio hídrico foron revisadas e os valores límite dos diversos axentes contaminantes foron corrixidos para teren en conta as diversas condicións estacionais de caudal no río Texo

A industria negou que as verteduras fosen responsabilidade súa e comezou un proceso xudicial por difamación contra Marques, coñecido como o 'Guardião do Tejo', a quen lle exixía 250.000 euros de indemnización civil.

Finalmente a empresa desistiu do proceso nos tribunais e o Goberno portugués, a través do departamento de Medio Ambiente, ordenou reducir nun 50% a vertedura de Celtejo. O caso resolveuse a finais de 2018 coa construción dunha nova depuradora EDAR. "As licenzas de emisión de efluentes no medio hídrico foron revisadas e os valores límite dos diversos axentes contaminantes foron corrixidos para teren en conta as diversas condicións estacionais de caudal no río Texo", afirma a Nós Diario Paulo Constantino, fundador e voceiro de ProTejo xunto a Ana Silva.

Transparencia

En declaracións a este medio aseguran que "a situación mellorou moito coa construción da nova estación de tratamento de residuos industriais por parte da empresa, dimensionada de acordo co aumento da produción".

Neste sentido, Constantino e Silva insisten na importancia de coñecer e vixiar que a industria cumpra cos límites e a calidade das verteduras autorizadas. "Estamos ante un sector que traballa 24 horas sobre 24 horas, xerando permanentemente ruído, mal cheiro intenso e emisións de residuos contaminantes para a atmosfera e para o medio hídrico que deterioran o medio ambiente en que viven as poboacións".

Desde Portugal, ProTejo alerta a veciñanza da comarca da Ulloa e lindeiras de ir adiante o macroproxecto de Altri en Palas de Rei. "Importa que sexa verificado o cumprimento das licenzas de emisión autorizadas polas autoridades competentes con sistemas de monitorización que faciliten a información sobre os parámetros de emisión con transparencia en tempo real e online ás poboacións, de modo a que estas poidan coñecer en que medida están a ser afectadas e poder avaliar os riscos para o seu ambiente e a súa saúde", algo, apostilan, que no país veciño aínda non acontece.

Como na Galiza, desde ProTejo identifican nos poderes públicos unha actitude conivente e pouco crítica coa industria da celulosa asentada en Portugal en moitos aspectos, ao igual que baten con sectores das comunidades locais favorábeis a estas iniciativas empresariais, que antepoñen o emprego que achegan á poboación máis próxima, non sempre de alta cualificación, ao impacto ambiental negativo.Sería determinante un diálogo constante entre a industria, as autoridades competentes e a poboación para garantir o benestar ambiental e social no marco da responsabilidade social e ambiental empresarial. Non será un camiño fácil, mais é aquel que permite a responsabilidade e o beneficio para todas as partes", conclúen Silva e Constantino.