Ecoloxismo

Alertan de verteduras de graxa na costa de Camariñas

Imaxe da vertedura de graxa na costa de Camariñas. (Foto: Nós Diario).
A sustancia parece ser con toda probabilidade graxa lubricante da utilizada nos rodamentos e maquinaria dos barcos para evitar a corrosión que chega solidificada, normalmente en pequenas pezas, segundo alertou o BNG.


Desde a segunda feira día 13, a praia de Arou no concello de Camariñas, areal con Bandeira Azul, encheuse de bólas de lubricante industrial de cor amarela que empezaron a chegar a distintos puntos da costa desde a sexta feira pola tarde.

Debe destacarse a localización, no Caramuxeiro, unha zona de pedras, dunha bóla que pesará por volta duns seis quilos. Varias organizacións ecoloxistas denuncian os perigos de ter restos acumulados nestas zonas durante tempos en que as temperaturas sexan elevadas, pois iso podería ter un efecto moi prexudicial ao derreterse e afectar especies mariñas.

A substancia

A sustancia parece ser con toda probabilidade graxa lubricante da utilizada nos rodamentos e maquinaria dos barcos para evitar a corrosión que chega solidificada normalmente en pequenas pezas.

Para alén diso, tamén se puideron observar aves mariñas coa plumaxe impregnada dunha substancia amarela, polo que pode haber zonas ou balsas en estado líquido o que poría en grave risco especies como os chorlitos grises que habitan zonas areosas.

Tamén é salientábel lembrar que a principios de 2020 a Costa da Morte viuse afectada por outra vertedura semellante a esta que provocou a morte de máis de 300 aves mariñas

Naquela altura describíanse os restos como unha sustancia aceitosa, pegañenta, de cor alaranxada, cun cheiro desagradábel, que impregnou case por completo os corpos de centos de aves.

Témese que aínda poida haber unha balsa ou gran mancha de lubricante en alta mar e que os restos chegados á costa por mor vento do norte sexan unha pequena parte, por iso, din os ecoloxistas, sería necesario inspeccionar a costa e a superficie marítima próxima para poder realizar labores de limpeza antes de que esta vertedura chegue aos areais ou zonas de pedras, onde poría en serio risco múltiples distintas especies.

Petición do BNG

En vista do acontecido, o BNG preguntou no Congreso se o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico ten coñecemento do feito e se vai tomar medidas para evitar os danos así como analizar a orixe da vertedura e actuar contra os responsábeis por este episodio de contaminación.