Informe ‘Saneamento e depuración no litoral do Estado español. Análise do ano 2019.’

Informe de Ecoloxistas en Acción sobre a situación das depuradoras de augas residuais

Depuradora de Teruel

Ecoloxistas en Acción publica hoxe un informe sobre a situación do saneamento e da depuración das Estacións de Depuración de Augas Residuais do litoral, no que se analizan os datos das EDAR do ano 2019

Ecoloxistas en Acción presenta hoxe, por primeira vez, o seu informe ‘Saneamento e depuración no litoral do Estado español. Análise do ano 2019.’, un documento no que se analizan os parámetros de contaminación das Augas Residuais Urbanas (ARU) das Estacións de Depuracións de Augas Residuais (EDAR) de todo o Estado español.

No informe recóllense os datos analíticos do ano 2019 de 288 EDAR rexistradas no litoral ou no DPMT (Dominio Público Marítimo-Terrestre) que presentan máis de 2000 habitantes-equivalentes. Desas 288 EDAR analizadas, a metade mostran insuficiencias e mesmo incumprimentos no propio tratamento das augas residuais ou no análise de mostras.

No referido á Galiza, nun comezo a Xunta só facilitou os datos de 19 EDAR sen permitir o acceso á información das demais estacións. Porén, a insistencia de Ecoloxistas en Acción conseguiu que o departamento de Augas de Galiza acabara proporcionando os datos das demais EDAR pero do ano 2020. Finalmente, no informe recóllense as cifras de 28 estacións depuradoras galegas, aínda que na Galiza existen un total de 69 EDAR contabilizadas.  

Se ben na información facilitada pola Xunta non se citan os datos anteriores ao 2020, si consta que existen certas irregularidades nas estacións depuradoras galegas desde o 2017. Concretamente as de Cee-Corcubión, Os Praceres (Pontevedra), Arcade (Soutomaior), Foz, Burela e Noia levan catro anos consecutivos incumprindo a regulación, segundo Ecoloxistas en Acción; e as EDAR de Vigo, Nigrán e Guillarei, en Tui, tamén acumulan numerosas infraccións.

Cómpre destacar que o informe de Ecoloxistas en Acción indica que os datos facilitados pola Xunta en relación ao rendemento para os sólidos en suspensión, un dos parámetros analizados no documento, resultan incoherentes segundo as porcentaxes obtidas.

Obxectivos do informe

O informe ‘Saneamento e depuración no litoral do Estado español. Análise do ano 2019.’ pretende chamar a atención das administracións esixindo o cumprimento adecuado das EDAR que presentan certas irregularidades, así como a transparencia para que calquera persoa poida acceder á información que desexe de forma simple e clara.