Ecoloxistas en Acción presenta un documental para conmemorar o 20 aniversario do "desastre" do 'Prestige'

O 'Prestige' durante o seu afundimento. (Foto: Europa Press)
A estrea na Galiza será o 13 de novembro na Praza do Berbés de Vigo.

A asociación Ecoloxistas en Acción vén de anunciar a estrea do documental Alegría, dirixido por Luís Otero, con motivo do 20 aniversario do “desastre ecolóxico provocado polo afundimento do petroleiro Prestige”. O colectivo ambientalista explica que escolleu este título porque “Alegría!” era o berro de guerra contra o chapapote que os voluntarios e voluntarias entoaban cando o cansazo facía efecto neles”.

Sinala que coa produción desta peza audiovisual “quere lembrar que é necesario mellorar a coordinación de medios operativos permanentes e unidades de vixilancia marítima”, así como “aumentar a cantidade e calidade das inspeccións dos buques que atracan no litoral da Galiza”.

Cartel promocional do documental 'Alegría'

“Que hai pequenos Prestige diarios, en forma de sentinazos [resultado da limpeza irregular das cubas no mar]. Que temos tamén que romper con este modelo dependente do petróleo, cuxas desgraciadas consecuencias para o planeta coñecemos”, subliña nun comunicado Ecoloxistas en Acción.

Aliás, o colectivo ecoloxista fai fincapé na vaga de solidariedade que, “suplindo a carencia de medios coa forza da ilusión, foi quen de enfrontarse a gran mancha negra mentres o Goberno galego, ausente, seguía negando a súa existencia”.

Calendario de presentacións

A estrea de Alegría terá lugar esta sexta feira no Ateneo A Maliciosa de Madrid. O día seguinte, sábado 12 de novembro, será a quenda no Museo do Mar de Barcelona, ao abeiro do programa de actividades do centro.

A primeira proxección na Galiza decorrerá o domingo 13 na Praza do Berbés de Vigo, seguida dun coloquio sobre as consecuencias da catástrofe. A estrea do documental estará precedida dunha mesa redonda no Pub Moch sobre a destrución de hábitats mariños e a perda de vida silvestre en toda Europa.

A partir da vindeira semana, a peza audiovisual percorrerá outras cidades da Galiza. Estará no Cineclube pai Feixoo de Ourense o día 16; o Museo do Pobo, en Santiago de Compostela, acollerá a proxección o 18 de novembro. O Teatro Principal de Pontevedra (día 19), o Museo do Mar en Lugo (día 20), e o Círculo de Artesáns da Coruña (22 de novembro) serán as seguintes paradas do documental.