"Eco-ideas": os titoriais de Adega para pasar a corentena axudando o ambiente

Baixo o hashtag #EuFicoNaCasaConADEGA a asociación ecoloxista comparte titoriais caseiros para os días de corentena (Imaxe: Adega)
Adega asina a elaborar na casa xabon líquido para a lavadora, produtos de limpeza ecolóxicos ou pasta de dentes.

Nestes días de corentena, a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, Adega, está a partillar unha serie de vídeo titoriais: obradoiros de produtos ecolóxicos para facer na casa. Neles explican como elaborar pasta de dentes caseira, produtos de limpeza ou xabón a partir de cinza.

Para o colectivo, o confinamento pode constituír unha “oportunidade para reflexionar sobre como nos estamos a comportar co medio ambiente”. Nesta liña, as “eco-ideas” a desenvolver nos fogares contribúen non só a pasar o tempo, senón tamén a minguar o impacto ambiental a nivel local.

Tamén comparten algún consello de sabedoría popular, como este de Lola Tourón para quen cría e come ovos das súas propias galiñas:

Estas “eco-ideas” son compartidas a través da páxina web e das redes sociais de Adega. Ademais, a asociación ecoloxista puxo a disposición das familias e do persoal docente recursos didácticos que abordan a formación en cuestións medioambientais para o período de corentena. Adega quere sumar así un gran de area á  hora de facilitar “a enorme tarefa que supón a formación en liña” do alumnado.

O material que ofrece a asociación ao persoal docente engloba contidos relacionados coa conservación e a custodia do territorio, a contaminación, o aforra e a eficiencia enerxética ou a xestión axeitada dos refugallos domésticos. Todos están vinculados con proxectos desenvoltos pola propia Adega: Charcas con Vida, Lixo Mariño ou Especies exóticas invasoras entre outros.