Nulidade ambiental

Duro revés para a empresa que promove a mina de Touro

Manifestacion contra a mina de Touro. Imaxe: GZ contrainfo

O Tribunal Supremo declara a nulidade da autorización ambiental dunha mina explotada pola mesma empresa que promove a reapertura en Touro.

O Tribunal Supremo confirma a nulidade da autorización ambiental da mina de Riotinto (Huelva), cuxa explotación recae na mesma empresa que promove a mina de Touro, Atalaya Mining, que para o proxecto galego actúa baixo a sociedade instrumental Cobre de San Rafael.

Este duro revés para a empresa mineira por parte do Tribunal Supremo vén a confirmar a sentenza anterior do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, que xa declarara nula a resolución pola que se outorgaba a autorización ambiental.

Segundo os colectivos ecoloxistas mobilizados contra a mina de Riotinto, esta sentenza conlevará a nulidade inmediata da resolución da Dirección xeral de Industria, enerxía e Minas pola que se autorizara a reapertura da mina.

Este revés para a empresa, chega despois da acción de ADEGA e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, na que presentaron ante a Fiscalía de Medio Ambiente do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza unha ampla documentación que acredita o prexuízo ambiental que a explotación está a causar. Un paso que agardan, sexa o “definitivo para pechar calquera posibilidade de reapertura da mina de Touro”.