Adega e PDRA

Instan a Fiscalía do TSXG a actuar contra a mina de Touro por "contaminación reiterada e persistente"

Plataforma en defensa da Ría de Arousa e Adega achegaron ao fiscal documentación sobre os prexuízos que, sosteñen, a explotación mineira está a causar.

A Asociación para a defensa ecolóxica da Galiza (Adega) e a Plataforma en defensa da Ría de Arousa (PDRA) – na que están confrarías, mariscadoras e mexilloeiros, entre outros- insta á Fiscalía do TSXG a que actúe contra a mina de Touro. Durante estes meses ambas entidades recabaron probas e análises do impacto deste proxecto mineiro, unha abundante documentación que puxeron a disposición do Fiscal para que abra dilixencias para verificar o que nela se conclúe: “O prexuízo que a explotación está a causar en ríos, mananciais e augas subterráneas das proximidades da mina”.

 

“Esta contaminación é detectábel nunha superficie duns 65 km2 arredor da mina con afectación ao curso medio do Ulla, constatándose segundo os datos oficiais, cando menos dende hai 10 anos até a actualidade”

 

Un prexuízo, explican, que se concreta, por exemplo, “na contaminación por metais pesados e alta acidez da práctica totalidade dos cursos de auga que arrodean a antiga mina”. Nunha comparecencia de prensa en Compostela, Adega e PDRA  explicaron que “as análises evidencian que ríos, augas superficiais para consumo humano e mesmo augas soterradas superan os límites legais de substancias contaminantes”. Augas de Galiza achegou datos analíticos tanto das diversas estacións de control como de mostraxes de  verteduras que amosan esa contaminación por metais pesados e alta acidez “da práctica totalidade dos cursos de auga que arrodean a antiga mina”.

 

Consecuencias

 

Perante este escenario, indican as denunciantes, a promotora do proxecto mineiro “pretende desentenderse da súa responsabilidade”. Acúsana de “infrinxir a normativa” non só por esas verteduras senón “por carecer de autorización” de vertidos.

 

Piden tamén ao Fiscal que depure as responsabilidades que tamén poidan atinxir os responsábeis dos departamentos administrativos implicados encargados do cumprimento das normas que regulan a materia, ben por acción ou omisión, ben por permitir a comisión dun delito (art. 408 do Código Penal).

 

PDRA e Adega inciden nas consecuencias e situación que se poden derivar destes feitos: perigos para as persoas, para a fauna e flora, para o medio ambiente e para a actividade económica da que viven miles de persoas.

 

Así, explican, as augas do Ulla abastecen as traídas municipais de auga potábel de 13 concellos, cunha poboación total de 150.000 persoas. Aliás, o Ulla é o máis caudaloso dos ríos que desembocan na Ría de Arousa, a área de produción de moluscos máis importante de Europa.

 

“Estamos pois no caso dunha conduta que encaixa cos requisitos esixíbeis no artigo 325 e seguintes do Código Penal para cualificar os feitos como delito: Unha contaminación reiterada e persistente das augas debida á actividade mineira e á ausencia ou ineficacia de supostas medidas e tratamentos de rexeneración e control; Infracción da normativa reguladora ao sobordar os parámetros legais e actuaren sen permisos do organismo de conca -Augas de Galicia-; e xerar  unha situación de perigo grave para as persoas, á fauna e flora e ao medioambiente”.

 

E a isto engaden que “o artigo 45 da constitución española establece como obriga dos poderes públicos velar polos recursos naturais, a fin de protexer e mellorar a calidade da vida e defender e restaurar o medio ambiente”.