Saúde

Durmir pouco ou un uso excesivo do coche. Estes son algúns dos factores que aumentan o risco de obesidade

Non durmir as horas recomendadas e a falta de benestar emocional incrementan o risco de obesidade na idade escolar. (Foto: Nós Diario).
Para os expertos débense durmir entre 7 e 8 horas diarias, evitando ruído e contaminación lumínica e, sobre todo, a luz das pantallas.

A mobilidade urbana baseada no uso do coche, un número insuficiente de horas de sono por exceso de luz ou ruído, o acceso a estabelecementos de venda de produtos alimentarios pouco saudábeis e a influencia de familia, amigos e coñecidos con hábitos pouco saudábeis, son os catro factores principais que incrementan o risco de sobrepeso ou obesidade tanto no fogar como no centro de traballo, segundo os expertos de OPEN España.

Nos centros de traballo, maioritariamente oficinas no sector terciario, as catro chaves para identificar a súa posíbel consideración como contornas obesoxénicas son a imposibilidade de facer pausas para moverse e beber auga, o feito de non cambiar de postura ou levantarse cada hora, o afrontamento do estrés mediante comida rápida pouco saudábel e o uso de 'apps' para pedir esta en caso de non dispor dela, segundo os expertos.

Como recomendacións para contrarrestar estes factores, os especialistas aconsellan facer traslados andando ou en transporte público, subir sempre as escaleiras andando e non utilizar o ascensor, salvo que sexa imprescindíbel.

Ademais, consideran necesario aprender a cociñar utilizando comida saudábel e evitar procesados, bebidas, doces e alcol. Así como non comprar e almacenar, en exceso, alimentos moi calóricos.

Horas de sono

Para os expertos débense durmir entre 7 e 8 horas diarias, evitando ruído e contaminación lumínica e, sobre todo, a luz das pantallas.

"Dado o impacto que ten a obesidade no noso sistema de saúde, habemos de ser conscientes da importancia de identificar as barreiras e desafíos actuais na abordaxe efectiva da mesma e colaborar para encontrar solucións, sequera con pautas tan básicas como estas. Neste sentido, o ambiente onde vive a poboación pode contribuír ao desenvolvemento da obesidade cando favorece ou obstaculiza ou impide a alimentación saudábel e a actividade física. Por tanto, é fundamental tomar medidas que axuden a cambiar, previr ou evitar estes ambientes, contribuíndo a reducir a prevalencia de sobrepeso e obesidade", indicou, Susana Monereo, membro de OPEN España e responsábel da Unidade de Obesidade, Metabólico e Endocrino do Hospital Ruber Internacional de Madrid.

Pola súa parte, Federico Luis Moya, membro de OPEN España e director executivo da Asociación Bariátrica Híspalis Nacional, Asociación de pacientes bariátricos e obesidade (ABH), incidiu en que "un ambiente obesoxénico pode estar condicionado pola suma de varios factores como a dispoñibilidade e o consumo de comida rápida, de alimentos ultraprocesados e de bebidas azucradas, alta exposición a publicidade deste tipo de alimentación en medios de comunicación e redes sociais, sedentarismo etc. O problema é que moitas veces non somos conscientes diso e deixámonos levar. De feito, unha elevada porcentaxe de persoas con obesidade non se recoñecen como tal e, como máximo, cren ter algúns quilos de máis e perciben o que lles pasa como algo de andar por casa. Con todo, a obesidade é unha enfermidade crónica, tal e como recoñece a OMS".

Ambos os expertos coindicen en que "transformar ambientes obesoxénicos en ambientes saudábeis debe ser un compromiso de todos. Hai que fomentar a actividade física e a alimentación saudábel para que esta enfermidade deixe de ser, entre outras cousas, unha das máis prevalecentes e infravaloradas".