Dúbidas ante o novo curso escolar? As chaves

As aulas presenciais, a máscara e a distancia seguirán sendo cuestións chave o vindeiro curso. (Foto: Eduardo Sanz / Europa Press).
Novo curso escolar: piden non ampliar as ratios por aula nin reducir o profesorado. A proposta do Ministerio de Educación para o curso 2021/2022 pasa por manter as aulas presenciais, o uso obrigatorio da máscara e a distancia de seguridade. Se ben, reduce a separación entre cabezas e deixa a porta aberta ao restabelecemento das vellas ratios de estudantes por docente. 

Goberno estatal e comunidades autónomas acordaron manter as principais medidas de protección fronte ao coronavirus o curso vindeiro: máscara, grupos de convivencia e distancia de seguridade.

Presencialidade

Será máxima e garantirase en todos os niveis e etapas do sistema educativo nun escenario de nova normalidade.

Máscaras

Serán obrigatorias para o profesorado e o alumnado de máis de seis anos en todo momento. Tamén no transporte escolar. 

Grupos burbulla

Os grupos de convivencia estábel volverán ser as unidades de referencia para os grupos de Infantil, dentro e fóra das aulas, e tamén para os cursos de Primaria, co obxectivo de evitar unha interacción desmedida. Con todo, poderase relaxar a distancia interpersoal para favorecer o xogo e a socialización na procura dunha maior normalidade. 

Distancia e ventilación

Reducirase a 1,2 metros, malia que a recomendación xeral mantense en 1,5 para todos os cursos salvo os que se organicen en grupos de convivencia.
A ventilación dos centros e das aulas será outra das demandas que se manteña, preferibelmente natural e cruzada, e a poder ser, de forma permanente, coa axuda de purificadores de aire cando non sexa suficiente.  

Alumnado por aula

Educación deixa a porta aberta a que as comunidades autónomas poidan recuperar as ratios de alumnado por docente anteriores á pandemia, de acordo coas súas normativas malia reclamar un esforzo para que manteñan "os mesmos recursos humanos" que foron precisos para "soster a mellor situación académica e escolar".
As organizacións sindicais defenden ratios baixas e manter o número de docentes sen descartar un reforzo do profesorado para garantir a seguridade da comunidade escolar, a mellor atención educativa e os resultados académicos.

Reforzo do profesorado

Unha exixencia que Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, o sindicato maioritario do sector na Galiza, detallou en conversa con Nós Diario. "A intención de recuperar as ratios de vello na educación secundaria é unha opción que a Consellaría de Educación manexa desde finais do ano pasado, cando contratou unha empresa para realizar medicións nos centros con vistas a mudar os espazos e acoller máis estudantes por aula", explica. 

Bermello fai fincapé nos logros acadados a principios do curso pasado nesta etapa educativa "grazas ás mobilizacións". "A incidencia na contratación de profesorado e na redución de ratios só a vivimos no noso país na ESO e no Bacharelato. Na Primaria non, nunca se baixou a 20, mantivemos as ratios ordinarias de 25 estudantes", polo que alerta do risco de superar esa cota a partir de setembro ao non se considerar "o alumnado repetidor, pola propia dinámica das matriculacións".

Antes da pandemia había 144 aulas con mais de 25 alumnos en Infantil e Primaria que se desdobraron coa pandemia. "Foi a única vantaxe que tivemos este curso", observa Suso Bermello, quen sinala o "temor" a que se volva aos números de antes e "se reduza o corpo de mestres".

Atención educativa

A mesma sospeita trasládaa á Secundaria -con cupos de 30 na ESO e 35 no Bacharelato- onde os centros veñen de recibir un correo para que en 24 horas remitan un estudo de adaptación das aulas á distancia de 1,2 metros. "A Consellaría cuantificou en 1.350 o persoal interino que contratou para facer fronte á Covid. O obxectivo fundamental é que non se prescinda de ninguén, nunha etapa onde se viron as melloras en materia educativa, académica e diminución de expediente e conflitos".

Despois de dous cursos consecutivos "anormais", desde a CIG-Ensino urxen un reforzo da atención educativa e dos equipos docentes e "plans específicos" para evitar que o alumnado quede "descolgado".