A ministra Celaá sobre a máscara: “Non sería o primeiro que quitaría”

Imaxe de arquivo dunha aula antes de comezar o curso actual. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A responsábel da carteira de Educación no Goberno Español entende que a eliminación deste elemento de protección non debe ser inmediata cando comece o novo curso, cuxa planificación de seguridade está xa en marcha após a reunión mixta do seu departamento, Sanidade e os distintos territorios na xornada de onte.

O debate sobre a posibilidade de deixar de usar máscara en espazos abertos en cuestións de semanas comezou estes días da man do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e do director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias  Fernando Simón. No entanto, a ministra de Educación, Isabel Celaá non ten claro que iso vaia ser posíbel no regreso ás aulas.

De cara á preparación do próximo curso, coas súas medidas hixiénicas e de seguridade fronte á pandemia da Covid-19, as distintas administracións comezaron unha rolda de encontros de traballo esta cuarta feira.

Xa despois de analizar polo miúdo o falado, Celaá advertiu de que en setembro haberá máscara nas escolas e no resto de centros educativos malia que as limitacións sexan máis febles no verán nos espazos abertos.

“Non sería o primeiro que quitaría”, destacou a pesar de que, segundo afirmou, a intención do Goberno español e que as e os estudantes de 12 a 16 anos estean vacinados en setembro.

En calquera caso, o protocolo no que se avanzou onte vai ser “dinámico” e adaptábel ás circunstancias epidemiolóxicas que haxa en cada momento.

O que si confirmou é que o obxectivo vai ser a “presencialidade total” da comunidade educativa toda vez que se reducen as distancias que hai que gardar de 1,5 metros a 1,2 metros.

A ministra aproveitou o informe que presentou o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, sobre a España de 2050 para recoñecer que a educación ten que mudar, agora máis se cabe pola advertencia que deu o virus.

"Hai que incorporar novas metodoloxías, grupos móbiles nas aulas, os pupitres non poden estar ancorados ao chan e debe haber grupos diferentes que traballen a ritmos distintos", incidiu.