Sanidade pública

Dúas facultativas para 4.000 persoas: veciñanza da Fonsagrada denuncia na Valedora a falta de persoal médico

Veciñanza da Fonsagrada e de Negueira de Muñiz concentrouse esta segunda feira contra a falta de persoal médico. (Foto: Nós Diario)
O BNG reclama recursos para a unidade de psiquiatría infanto-xuvenil do Hospital Lucus Augusti de Lugo.

Veciñas e veciños da Fonsagrada e de Negueira de Muñiz (comarca da Fonsagrada) concentráronse novamente esta segunda feira en "defensa da sanidade pública da bisbarra". Ademais, a través da concelleira do BNG da Fonsagrada, Rosa Rego, presentarán un escrito ante a Valedora do Pobo pola "vulneración do dereito á saúde da veciñanza".

En concreto, comunicarán á Valedora a "redución da calidade e a fenda do sistema sanitario pola falta de asignación de persoal facultativo no PAC da localidade". Segundo denuncia a formación nacionalista, Sanidade deixa "só dúas persoas facultativas médicas fixas dun total de cinco para a asistencia sanitaria das veciñas e dos veciños". 
Segundo Rego, as dúas facultativas que fican no PAC da Fonsagrada teñen que atender perto de 4.000 persoas, "xa que este centro tamén exerce para o concello veciño de Negueira de Muñiz".

Atención psiquiátrica infanto-xuvenil 

Por outra parte, o BNG tamén demandou "manter e mellorar" a unidade de psiquiatría infanto-xuvenil do Hospital Lucus Augusti de Lugo para garantir a correcta atención da poboación máis nova de Lugo. Precisamente a semana pasada, persoal deste hospital de día alertou dun "intento de desmantelamento" do centro, o único, din, que atende adolescentes que teñen problemas de saúde mental grave na circunscrición de Lugo. 

A cabeza de lista do BNG por Lugo para as eleccións do 18 de febreiro, Olalla Rodil, incidiu esta segunda feira na necesidade de "aumentar a dotación de recursos humanos e materiais que permitan ter o maior número de camas posible para a unidade e  establecer un plan global para dotar a todas as áreas sanitarias de Galicia de unidades de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil".

Olalla Rodil, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)

Esta unidade é a  referencia para as case 40.000 menores que viven na circunscrición de Lugo, reiterou a candidata do BNG, unha unidade “cun cadro de persoal extremadamente reducido”: “dúas psiquiatras, dúas psicólogas, dúas enfermeiras, unha terapeuta ocupacional e unha traballadora social”.

Ademais  “da escaseza de persoal” salientou  “o  desleixo organizativo” e explicou que non existe ningunha canle para derivar pacientes a este hospital de día. “Se unha pediatra dun centro de saúde, ou unha médica de familia detecta unha paciente que se beneficiaría do seguimento nesta unidade, neste hospital de día, ten que buscar a vida, e intentar contactar como poida coa psiquiatra, coa psicóloga ou coa enfermeira para expoñerlle o caso”.