O drama humano continúa nas residencias

Imaxe da marcha en Compostela (Arxina)
Logo dos 274 falecementos provocados polo coronavirus nos centros de maiores, 44,10% das vítimas mortais provocadas pola epidemia no total da Galiza, as residencias continúan coa mesma falla de medios que provocaron a traxedia. As mobilizacións que decorreron no día de onte en todas as cidades así o lembraron.

A"nova normalidade" non dá chegado ás residencias da Galiza. Unha vez superada a primeira vaga da pandemia do coronavirus, que puxo ao descuberto a realidade dos centros de maiores, os problemas que causaron a alta mortalidade nos xeriátricos seguen sen solucionarse, ao tempo que xorden outros novos, como consecuencia do confinamento. Mentres a Xunta da Galiza prepara unha homenaxe para o vindeiro sábado en Compostela, as vítimas do coronavirus e as asociacións de familiares de usuarias e usuarios critican a falla de vontade do Goberno galego para mellorar a situación dos residentes.

A residencia de DomusVi de San Lázaro, en Compostela, é o centro de maiores con máis mortes por coronavirus. Segundo sinala a Nós Diario o portavoz da asociación de familiares de usuarias e usuarios do centro, Xavier Quián, "faleceron 53 persoas entre a residencia e os hospitais, case un terzo dos residentes totais. Ademais 37 traballadoras e traballadores contaxiáronse, ao incumprir a empresa os protocolos estabelecidos para este caso. Ao tempo, destaca Quián, tamén "houbo persoas que retiraron os seus familiares da residencia, uns para levalos á casa e outros para cambialos de centro".

Ocultismo na información

Xavier Quián insiste en ser prudente: "O día 15 ábrese a residencia de San Lázaro ás visitas e a partir de aí imos ter datos máis precisos sobre o estado dos usuarios e usuarias. Porén as informacións que nos chegan preocúpannos. As consecuencias físicas e psicolóxicas de 60 días de confinamento son evidentes na xente maior, polo que sabemos, malia que a dirección do centro en todo este tempo só se dirixiu a nós en dúas ocasións e nunha delas só ás familiares das prazas privadas". "Nós agora estamos traballando cos avogados para que canto antes presenten as querelas", conclúe Quián.

O xeriátrico de DomusVi do Barreiro, en Vigo, suma 47 falecementos por causa do coronavirus. O portavoz do colectivo de familiares do centro, Paulino Campo, en declaracións a Nós Diario, cualifica de "caótica" a situación da residencia e denuncia que "volvemos aos inicios da pandemia, o persoal é absolutamente insuficiente malia as baixas de residentes, os usuarios e usuarias están tristes e apagados e a comida é bazofia. Tanto é así que a xente trasladada ao centro de Patos (Nigrán) quere volver alí pola alimentación que recibían, con peixe fresco, pero tamén polo trato".

As queixas pola situación da residencia continúan. Así, Paulino Campo afirma que "nos últimos días téñense presentando varias denuncias diante dos servizos de inspección de Política Social por eivas graves na atención aos usuarios". Na mesma liña, lamenta que "o centro do Barreiro non entrou aínda na primeira etapa do plan de reactivación aprobado pola Xunta para as residencias, o que non só nos impide visitar e coñecer de primeira man a situación dos nosos familiares senón que os teñen fechados nas habitacións e non os levan a dar paseos, cos problemas que lles ocasionan". 

A Xunta négase a inspeccionar a alimentación

A mortalidade no centro DomusVi de Aldán en Cangas foi tamén moi elevada. Segundo sinala a Nós Diario o presidente da asociación Vellez Digna, Xosé Bernárdez, "fáltannos 37 persoas na residencia, se ben a catro leváronnos os familiares, polo que xa podedes saber do número de falecementos. O persoal segue sendo escaso, até o punto de que a día de hoxe faltan 11 auxiliares. Ademais volven servir aos residentes unha comida insípida, de ínfima calidade e moi escasa. Diante da denuncia que presentamos aos servizos de Inspección da Xunta, dinnos que non se meten porque a dieta está avalada por un nutricionista".

"Fan falla máis traballadores e traballadoras nas residencias", indica Bernárdez, quen lembra que "a xente que foi ao hospital durante o coronavirus chegou a eles deshidratada e isto debeuse á falta de atención nas residencias. Outro tanto acontece co importante número de caídas nas residencias, con persoas que caen até 50 veces, e a maior parte delas a consecuencia da ausencia de persoal". "Queremos saber cantos morreron de verdade nos centros de maiores, Feixoo organiza unha homenaxe o día 13 pero non nos di o número de mortes. Tamén, o presidente da Xunta debe explicar por que non se lles deu unha oportunidade ás 127 persoas que morreron nas residencias sen levalas ao hospital, cando as UCI na Galiza non estaban colapsadas", conclúe Bernárdez.

As queixas dos familiares destas tres residencias non son un caso illado. Así, a portavoz dos familiares dos usuarios do centro de maiores de Celanova, María Rodríguez, lamenta, en conversa con Nós Diario, que o servizo de enfermaría neste xeriátrico que padeceu 13 mortes segue sendo insuficiente. Ao tempo, desde os colectivo de vítimas critican que a traxedia provocada polo coronavirus non está levando as direccións dos centros residenciais a adoptar as medidas necesarias para mellorar a calidade asistencial e facer fronte con garantías a un rebrote da pandemia.