O drama da desprotección do patrimonio cultural tradicional galego

Cruceiro tradicional galego utilizado como un 'poste da luz' no Carballiño (Foto: Nós Diario).
O arqueólogo e escritor Felipe Senén atendeu 'Nós Diario' para tratar esta problemática que afecta innúmeros puntos do país.

Este sábado dábanse a coñecer unhas imaxes pertencentes ao concello de Padrón nas cales se podía ver como o Goberno local colocou unhas estruturas de madeira ao redor de cruceiros da localidade coa intencionalidade "de protexelos". 

Estrutura de madeira nun cruceiro de Padrón (foto: Víctor Araújo).

Sen dúbida, unha acción que "dá para reflexionar" en palabras do arqueólogo e escritor Felipe Senén que atendeu Nós Diario para tratar esta actuación do Concello de Padrón ademais do drama xeral que se vive no país no tocante á desprotección do patrimonio cultural tradicional galego.

"Falta de concienciación"

"Os cruceiros están en moitas ocasións nas encrucilladas e interseccións, lugares onde aumentan as áreas de circulación, isto provoca que moitas veces se vexan aberracións como algúns cruceiros que se utilizan como elemento de suxección para sustentar cableados de luz ou postes para colgar bandeiriñas os días de festa", asevera Senén, algo que para el supón "unha falta de concienciación dun elemeto realmente significativo na cultura da Galiza".

Cruceiro empregado como poste da luz (Foto: Juan Cabeza Quiles).

"Isto debemos entendelo como un efecto de degradación e de destrución, algo que se chama 'aculturación', a perda de moitos elementos identificativos que se encontran totalmente distorsionados", manifesta o arqueólogo.

"Un 'sarao' para festivos"

Todo isto acontece, segundo Felipe Senén, "a pesar de que o Decreto 571 de 1963 declara Ben de Intereses Cultural [BIC] todos os cruceiros, petroglifos e demais de máis de 100 anos. O artigo 46 de Constitución Española. responsabiliza os Poderes Públicos, e o poder público inmediato son os Concellos coa súa Concellaría de Cultura, que, moitas veces, entende a cultura como un 'sarao' para festivos".

Para alén disto, Senén tamén indica que o labor de institucións como o Consello da Cultura Galega debería ser "aconsellar e informar os Concellos do estado do patrimonio e dos elementos únicos que nos identifican no mundo".

"Feísmo administrativo"

"Isto é outro efecto da colonización que provoca un estado de abandono en cruceiros e hórreos que son os elementos tópicos máis identificativos da nosa cultura. O exemplo de Padrón é un exemplo máis da falta de sensibilidade e de 'feísmo administrativo'", acrecenta Senén.