VÍDEO | Xuízo do Alvia

Dous pais que perderon o seu fillo denuncian o "escurantismo" das autoridades: "Foi engadir á dor moito sufrimento"

Entrada aos xulgados nos que decorre o xuíxo polo accidente do Alvia na Cidade da Cultura de Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Nova xornada de declaracións de vítimas do descarrilamento do tren Alvia en xullo de 2013. "Prefería non sobrevivir, tería sido moitísimo máis fácil", asegurou outro home, lesionado de gravidade.

Dous pais que perderon o seu fillo no accidente do tren Alvia ocorrido en xullo de 2013 en Santiago de Compostela denunciaron o "dano moral" que lles supuxo, tempo despois, a "loita" que iniciaron fronte ao "escurantismo" e a "falta de transparencia" no relativo ao descarrilamento, co obxectivo de que se soubese "toda a verdade" sobre as causas da traxedia. A titular do xulgado do penal número 2 da cidade, Elena Fernández Currás, respondeulles que "todo o periplo político", que dura xa case 10 anos, con protestas en concellos e que tamén escoitaron o Congreso español e as institucións europeas, queda "fóra" do seu ámbito.

O estatuto da vítima de 2015, posterior a esta traxedia na que morreron 80 persoas e outras 140 resultaron feridas, recolle que "o recoñecemento, protección e apoio á vítima non se limita aos aspectos materiais e á reparación económica, senón que tamén se estende á súa dimensión moral". "Debe ofrecerse desde os poderes públicos unha resposta o máis ampla posíbel, xurídica e tamén social", explicita esta norma.

"Non somos números, non somos 80 mortos e 140 feridos. É moito máis. É unha traxedia, unha catástrofe evitábel", advertiu na sala que acolle o xuízo polo sinistro ferroviario Cristina Liras, a nai dun mozo de 27 anos que faleceu en Angrois. O tren descarrilou na curva da Grandeira na véspera do Día da Galiza e tanto Cristina como o pai do mozo, Javier García Municio, relataron a viaxe "de inferno" que fixeron aquela noite até a capital galega desde Segovia, cando souberon pola televisión o que sucedera.

"Que se lle poña cara"

"Quero que se lle poña cara", subliñou a nai mentres mostraba unha imaxe do seu fillo. "Tiña toda a vida por diante", lamentara con anterioridade. Ante as preguntas da súa avogada, esta afectada lembrou que cando acudiron á oficina de atención ás vítimas de Renfe e pediu que lle puxesen en contacto con outros pais que perderan os seus fillos, non lle deron ningún teléfono. Mais si contactou con outros prexudicados a través da plataforma de vítimas constituída após o accidente. "Entón empezou a loita", lembrou.

"Fomos a moitísimos sitios. A concellos, a Europa. E soubemos que un informe ao que aquí se lle daba gran relevancia era cuestionado", salientou, en relación co da comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF), que a propia xuíza sinalou en varias ocasións que non considera para determinar eventuais responsabilidades neste xuízo penal. Un proceso polo que sentan no banco dos acusados o maquinista, Francisco Garzón, e o ex director de Seguridade do Adif, Andrés Cortabitarte. A ambos os dous atribúenselles 80 homicidios e 140 delitos de lesións por imprudencia profesional grave, por chegar ao momento do sinistro cun exceso de velocidade e pola non adopción de medidas que mitigasen os perigos a través dunha adecuada análise dos riscos da liña, respectivamente.

Na sesión desta terza feira do xuízo, que empezou en outubro coa parte penal e desde febreiro afronta a acción civil, coas indemnizacións que reclaman as vítimas, esta nai criticou que o daquela Goberno do PP no Estado español quixo atrasar a publicación do informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA, polas súas siglas en inglés) que cuestionaba a investigación da CIAF até que pasasen as eleccións xerais.

Despois desta "loita", o ex xefe de Seguridade da ERA, Christopherr Carr, enviou documentos ao xuíz instrutor e acabou comparecendo no xuízo como perito, onde sinalou varias opcións coas que o risco de descarrilamento na curva foi eliminado. Grazas a esa "loita" soubéronse tamén "moitas cousas", como que o sistema de control da velocidade 'ERTMS' embarcado no Alvia fora desconectado. Pero ter que desprazarse, manifestarse, concentrarse e protestar "foi engadir á dor moito sufrimento, sufrimento moral", fixo fincapé Cristina.

"Unha o que espera, eu no meu traballo, cando hai unha neglixencia é que asuman responsabilidades, e isto é o que non entendo aquí", censurou. A muller concluíu que espera "xustiza" e que se saiba "que unha vida humana vale máis que todos os intereses económicos" de empresas como Renfe e Adif. Ante isto, a xuíza indicoulle que o seu letrado pode asesorala sobre "o que pode esperar deste xuízo".

"A pulmón, sen axuda ningunha"

A continuación, Javier García Municio, o pai, lamentou que despois da traxedia recibiron "un par de chamadas" de Renfe preguntando se precisaban algo. "Eu díxenlle que ao meu fillo, e despois xa nos volveron chamar", incidiu. "Pasamos todo isto a pulmón, sen axuda de ninguén", advertiu, en alusión á falta de apoio que achacan ás institucións. Mais a continuación corrixiuse: "Ben, minto, co apoio dunha familia moi unida e da plataforma de vítimas, que se empeñou en que se saiba a verdade. Pero houbo que facer tantas cousas...", evidenciou.

Neste senso, aludiu ao documental sobre os feitos que se gravou grazas a unha campaña de crowdfunding impulsado pola asociación, "que se ve no Parlamento Europeo pero non se permite na comisión de investigación do Congreso". Tamén rememorou a moción que levaron a 200 localidades para reclamar que se constituíse dita comisión e recalcou que "hai dous tipos de responsabilidades: as profesionais e as penais, que se verán aquí".

Cando unha delegación de vítimas entre as que se atopaba el mesmo acudiu a Bruxelas da man da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, agregou, "un mes antes fechouse en falso" a instrución, co maquinista como único investigado. "Perdoe. Cónstame todo iso. Xa foi obxecto de proba. E agora estamos coa súa condición de prexudicado. Son máis de 50.000 folios de causa a dobre cara", cortou nese punto a xuíza. "O que quero sinalar, señoría, é a dor que nos produciu, despois, esa loita. Seguímola mantendo", replicou García Municio.

"E seguirana mantendo, porque me están deixando claro que non hai sentenza que poida satisfacelos de ningunha maneira", engadiu a maxistrada Fernández Currás. E espetoulle: "Isto é un xulgado do penal. Debátense as responsabilidades que procedan e todo ese periplo político, todas esas queixas que teñen cara ao trato recibido por institucións e demais, todo iso queda fóra do meu ámbito".

"Señoría: sabe vostede que hai un contencioso-administrativo cun recurso no Supremo nestes momentos?", preguntoulle o comparecente. "Seino, por comentarios", contestou a xuíza. "Igual temos que volver pola aparición de novas circunstancias", proseguiu el, ao que a maxistrada apostilou que espera "non estar aquí". "Eu se cadra non chego, xa levo 10 anos", foi a resposta do pai do mozo falecido. A titular do xulgado apuntou entón que espera "saír da mellor maneira posíbel e, se é posíbel, que se resolva o conflito", aínda que sabe "que é difícil e que a vostedes non hai diñeiro que lles pague nada".

"Preferiría non sobrevivir"

A xornada proseguiu co relato dun lesionado no accidente que describiu a dor tanto física como psicolóxica que lle produciu o descarrilamento. "Estragoume a vida totalmente. Teño un sentimento de culpa polo dano que lle fixen aos meus pais", contou, e até chegou a afirmar que "non quería sobrevivir" e que non se sente "afortunado". "Prefería non sobrevivir, tería sido moitísimo máis fácil", asegurou.