Dous médicos de oito para máis de 20.000 persoas: a Atención Primaria contra o traballo a "custo cero"

Mobilización pola Atención Primaria na Guarda.
A CIG-Saúde mobilízase contra a sobrecarga de traballo nos centros de saúde e a falta de persoal, que obriga a uns poucos profesionais a soportar a carencia de recursos. As protestas non cesan.

O Rosal, A Guarda, Ribeira, Compostela, O Salnés, Lugo, Burela. As mobilizacións do persoal de Atención Primaria volvéronse espallar nas últimas horas por varias localidades galegas "as pretensións da Consellaría de que o persoal traballe a custo cero", afirma a CIG-Saúde.

Segundo denuncia o sindicato, encargado de promover as protestas, a Administración está obrigando ás profesionais a que "incrementen a súa xornada para facer fronte á sobrecarga de traballo" que hai nos centros de saúde e "poder dar cobertura ás prazas vacantes que o Sergas non dá cuberto".

A CIG-Saúde advirte que a situación na Atención Primaria neste momento "é insostíbel" pola falta de traballadores e traballadoras, nomeadamente de persoal médico e de enfermaría, froito das políticas de persoal que aniquilaron estes postos de traballo. 

A isto súmase que hai outras categorías nas que malia existir suficientes profesionais nas listas de contratacións, "o Sergas négase a contratalas, como no caso de PSX, traballadoras sociais, odontólogas, fisioterapeutas, matronas, TCAEs e farmacéuticas, entre outras".

Planificación e retribución

Neste contexto, di, a Consellaría de Sanidade "obriga forzosamente as profesionais a que incrementen a súa xornada para facer fronte así á sobrecarga de traballo e garantir a atención sanitaria". Pero un incremento de xornada, subliña a CIG-Saúde, "ten que estar organizado e planificado, porque o persoal non pode estar á disposición permanente do Sergas".

Engade que a prolongación da xornada ten que ter a súa correspondente retribución. "O Sergas non pode pretender que o persoal traballe gratis. E ten que recoñecer a penosidade na prestación de traballo en quendas de noite ou en domingos e festivos a todas as profesionais", o que significa que tamén debe ser pagada.

Listas de agarda

Insiste o sindicato en que este incremento da xornada ten que estar dirixida a eliminar as listas de agarda e a normalizar as axendas "porque non pode haber axendas con 80 citas diaria".

A CIG-Saúde considera "impresentábel que unha Administración que ten a responsabilidade de garantir o dereito a que a poboación reciba unha prestación sanitaria de calidade, maltrate as profesionais que seguen a traballar día a día para minimizar os efectos dos recortes na sanidade". E pregunta: "en que gasta a Xunta o diñeiro público e os fondos Covid?".

Mesa sectorial

Por todo isto, CIG-Saúde reclama ao Sergas convoque de inmediato unha reunión da Mesa Sectorial para abordar as condicións laborais e retributivas de todo o persoal que incremente a súa xornada e as condicións do persoal médico. "Non hai que crear máis categorías profesionais", aseveran. "Só hai que dignificar as existentes e pór en valor o traballo da Atención Primaria".

A táboa reivindicativa da CIG Saúde conta dunha ducia de propostas entre as que inclúe formación, axendas reducidas, calendarios de traballo estábeis, xerencias propias de Atención Primaria e maior dotación de profesionais especializadas.

Do Rosal á Guarda

Medio millar de persoas concentráronse esta cuarta feira no Rosal contra o desmantelamento da Atención Primaria no concello. Láianse do feche do centro de saúde de San Miguel e da perda do servizo de pediatría mais da matrona, carencias que deixan a veciñanza sen recursos asistenciais e que a obrigan a desprazarse.

Á Guarda, por exemplo, onde esta quinta feira, coincidindo coa xornada de mobilizacións, se incorporaron aos seus postos só dous médicos dos oito previstos no cadro de persoal do centro de saúde. Dous médicos para unha poboación de 20.000, calcula o persoal xa que o seu centro é o de referencia para a poboación de Oia e do Rosal que requira unha atención urxente.