Sanidade pública

Dous anos de espera por unha cita en dermatoloxía para unha revisión anual obrigatoria

Sala de espera dun centro de saúde. (Foto: Xunta da Galiza).
Un paciente leva esperando máis de 750 días a que lle dean cita para unha resonancia.

A enquisa do CIS publicada a semana pasada situaba a sanidade como un dos principais problemas para os galegos e galegas, só superado polo desemprego. A falla de medios e persoal, as listas de espera, as derivacións á privada... son cuestións que teñen sido denunciadas ao longo destes anos por profesionais e usuarias.

As listas de espera son un dos motivos de preocupación e inquietude no que respecta á sanidade. máis de 200.000 persoas agardan por unha primeira cita hospitalaria, denuncia a oposición.

A lista de espera para se operar na Galiza aumentou 21% en 10 anos. Un total de 44.410 persoas agardaban a 30 de xuño na Galiza por unha operación, segundo datos do primeiro semestre publicados onte polo Sergas. A cifra supón que están en espera cirúrxica 640 galegos e galegas máis que hai un ano e 10.000 máis que hai unha década.

Andrés é un cidadán que leva dous anos de espera para que lle dean cita ­en dúas cuestións sanitarias diferentes. Unha. Unha resonancia, para a que rexistrou solicitude o 9 de febreiro de 2023.

Outra, unha petición rexistrada en marzo de 2022 para a revisión anual obrigatoria que ten que pasar por un tema de dermatoloxía. Leva case dous anos agardando que lle dean a cita. “Todos os anos teño que someterme a unha revisión anual despois de que me sacasen uns lunares problemáticos”, apunta en conversa con Nós Diario. Revisión que ás veces tense realizado con algo máis dun ano de espera mais nunca como agora, que vai cara aos dous anos.

A respecto da resonancia, indica que ten un problema de migrañas que  lle provocou unha crise que o levou a entrar por Urxencias. Daquela o neurólogo “díxome que tiña que pedir unha resonancia. Pedina [ a data 9 de febreiro de 2022] e aínda non me deron cita”.

Dúas esperas longas nunha mesma persoa. “É claro que hai un problema de xestión”, considera. “Haberá quen opte por ir á privada para non ter que esperar tanto”, indica, “mais non temos sanidade pública para iso”.