Rueda fía á privada o alivio das listas de espera en residencias

O presidente deriva a creación de xeriátricos nas compañías privadas.
O Consello da Xunta da Galiza reuniuse nesta quinta feira en San Caetano, Santiago de Compostela. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi preguntado onte pola prensa sobre a súa criticada visita institucional á nova residencia privada para maiores da empresa Raiola en Compostela. A Federación de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia (REDE), entre outros colectivos, lamentaron o apoio de Rueda a unha empresa que denuncian por falta de persoal. 

Rueda explicou onte, após a reunión semanal do Consello da Xunta, que esa residencia privada implicaba "100 prazas novas", e que iso era "o importante". Defendeu o papel das residencias privadas —"os que poidan optar á privada poden facelo"—, que situou como "complementarias" das públicas. A Xunta non constrúe residencias públicas desde o ano 2009 mais Rueda defendeu que "aumentamos prazas e imos seguir aumentando". O presidente reiterou a importancia da "iniciativa privada", indicando que  considera positivo "todo o que sexa acompañala". Case 15.000 serían as prazas necesarias para que a Galiza alcanzase a ratio de cinco camas por cada 100 maiores de 65 anos que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS). A cobertura de prazas de residencias da Galiza é de 1,9 % fronte a 2,7 % estatal sobre o total da poboación que superou o limiar da xubilación.

Comprar vivendas a Abanca

Entre os acordos tomados onte no Consello do Goberno galego, Rueda sinalou que a Xunta comprará antes de que remate o ano 55 vivendas propiedade de Abanca e cedidas ao Instituto Galego de Vivenda e Solo por un importe de 3,9 millóns de euros. Os alugueres serán dunha cantidade de entre 41 e 125 euros ao mes e dirixiranse a colectivos de persoas vulnerábeis.

Formación "á carta"

O Consello tamén aprobou estabelecer unha participación con nove sectores económicos —das renovábeis á minaría, pasando polo naval ou o automóbil— para avanzar na formación específica de cara a ter man de obra preparada para a demanda das empresas destes sectores. Tamén deu o visto e prace a tramitar unha nova lei do ensino para adultos, a actual é de hai 30 anos; destinar 19 millóns de euros á conservación e mantemento do Camiño de Santiago; ou investir 30 millóns de euros dos fondos Next Generation nun plan de sustentabilidade turística focado na etnogastronomía.

Novo tramo da autovía Santiago-A Estrada

Rueda anunciou que se licitará no primeiro trimestre de 2023 un novo tramo da autovía Santiago-A Estrada. O Consello aprobou a información pública de todo o que resta da infraestrutura. O investimento total é de 60 millóns de euros. A primeira fase sae da Ramallosa (Teo) e vai até Pontevea (Teo). 

Outra das cuestións aprobadas na xuntanza semanal do Executivo galego foi destinar 1,4 millóns a entidades sen ánimo de lucro que traballan con mulleres vulnerábeis. 

Comentarios