Xuízo do Alvia

O dossier de seguridade da liña Ourense-Santiago "deixaba fóra" a curva de Angrois

Juan Eduardo Olmedilla, técnico encargado do 'safety case' da liña Ourense-Santiago, declarou esta quinta feira no xuízo. (Foto: Europa Press)
"Unha curva en si mesma non entraña un risco. O que importa é a velocidade, non a curva", sostén un técnico da UTE Dimetronic-Thales.

O técnico Juan Eduardo Olmedilla, que se encargou da coordinación do 'safety case' da liña de alta velocidade Ourense-Santiago, subliñou que o alcance deste dossier chegou até o quilómetro 84, que é até onde chegaba o 'ERTMS' pola vía 2, aínda que pola 1, na que se produciu o accidente do tren Alvia de xullo de 2023, estaba instalado até o quilómetro 80. O descarrilamento produciuse no punto quilométrico 84,4.

Olmedilla asegurou, con todo, que Dimetronic —hoxe Siemens— si "fixo documentación de seguridade" do tramo que vai desde ese punto 84 até a estación de Santiago, o que abarca a zona do sinistro ferroviario. "Pero non sei se diso houbo informe ISA", engadiu, en relación ao informe do avaliador independente, Ineco, que si analizou, segundo destacou, o dossier de seguridade do tramo até o punto quilométrico 84.

Fixo esta declaración como testemuña-perito, esta quinta feira, nunha nova sesión do xuízo pola traxedia que ocasionou 80 mortes e 145 feridos na curva da Grandeira. Os procesados son o maquinista Francisco Garzón, que empezou a frear tarde ao atender unha chamada do interventor e tomou a curva de Angrois cun exceso de velocidade, e o ex director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, por unha análise de riscos deficiente.

"Portelo único" a Adif

A función deste técnico da unión temporal de empresas (UTE) formada por Thales e Dimetronic —que forneceu a tecnoloxía de seguridade da liña Ourense-Santiago— era, dentro da oficina técnica creada pola UTE, "tentar dar ao Adif portelo único", isto é, unha documentación "cun formato común".

En concreto, "o que facía era compilar a información que recibía, agrupábaa nunha documentación única e trasladábaa a Ineco como avaliador independente, estando Adif sempre en copia". Isto, "sen querer ser" un "terceiro safety", debido a que "había un en Thales" e outro en Dimetronic, segundo precisou. Pola súa parte, constatou que había reunións con Ineco e que en ocasións participaba Adif.

O avogado da plataforma de vítimas apuntou a un encontro no que se abordou a necesidade de realizar un informe independente para o enclave de Santiago —o que abarca do quilómetro 84 até a estación compostelá— e el indicou que isto só o lembra porque se abordou en fase de instrución e na comisión de investigación do sinistro no Congreso. "Non lembro ningunha reunión concreta", chegou a apuntar.

"Para Adif si hai curvas; para a UTE, non"

No tocante aos riscos que se exportan, precisou que "ningún risco intolerábel se traslada ao Adif, só os tolerábeis". Porén, puntualizou que isto é así "para que Adif acometa unha xestión deses riscos, que é o que dá carácter de tolerábel". "A tira de vía non pinta curvas e non existen para nós", advertiu noutro momento da súa declaración.

Así, incidiu en que "para o Adif si hai curvas; para a UTE, non". "Unha curva en si mesma non entraña un risco", engadiu, antes de pór como exemplo unha curva de 90 graos na que "non pasa nada" se a tomas a 1 quilómetro por hora. "O que importa é a velocidade, non a curva", destacou.

A tarefa do avaliador é analizar a documentación da UTE e "avalar que se cumpriu a normativa Cenelec", proseguiu. Neste sentido, resaltou que "o avaliador avaliou co alcance da UTE, que era da saída de Ourense até o quilómetro 84, que é onde termina o alcance da alta velocidade da UTE". "O enclave de Santiago non foi avaliado?", preguntoulle o fiscal. "Queda claro que o alcance de alta velocidade é até o 84", respondeu, antes de insistir en que "a documentación de seguridade" só abarca "alta velocidade" e os enclaves "caen en responsabilidade absoluta de Siemens", antes Dimetronic.

"Sei que Siemens [Dimetronic] fixo documentación de seguridade de Ourense e Santiago, pero non se se diso houbo informe ISA. Non o sei porque non me ocupo deses dous enclavamientos e porque é Adif o que contrata a Ineco, polo que descoñezo o alcance de Ineco", profundou. Cuestionado sobre a idea que lanzou o ex cargo de Adif Alfonso Ochoa sobre que o ISA para o tramo até o quilómetro 84 abarcaba toda a liña sinalou que iso lle "soa moi raro", xa que "o que se fai co avaliador independente é definir as regras do xogo", isto é, "o alcance: de aquí até aquí, e non máis aló".

O avogado do maquinista Garzón, pola súa parte, mostroulle unhas actas que recollen como a dirección de Seguridade na Circulación de Adif [a de Cortabitarte] expuxo a necesidade de entregar un informe 'ISA' para o enclave de Santiago. Ao remate da súa comparecencia, a xuíza preguntoulle por que non se encargou de achegar a documentación de Dimetronic, e esta testemuña-perito contestou que "o labor dun coordinador de seguridade aparece cando intervén máis dunha empresa". Tamén entendeu que esta compañía entregou "seguramente directamente" o seu dossier a Adif.