`Domingos´ collerá a testemuña de `Ciarán´ e deixará unha fin de semana marcada polo temporal

O temporal 'Ciarán' deixa grandes ondas e refachos de vento na Galiza (Fotos: Carlos Castro / Europa Press).
A borrasca 'Domingos' deixará ondas de até oito metros que fan perigoso achegarse á liña de costa na Galiza.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) informou de que a borrasca Domingos relevará a Ciarán e deixará unha fin de semana chuviosa, con fortes ventos, nevadas e temporal marítimo.

O portavoz da Aemet, Rubén del Campo, indicou que as precipitacións serán abundantes no noroeste e localmente persistentes na contorna da Galiza, especialmente o sábado, que serán case xeneralizadas. Esta sexta feira e o sábado serán en forma de neve nas zonas de montaña de máis de 1.200 metros de altura.

Con respecto do vento, Del Campo avisa de que soprarán do oeste e do suroeste con intervalos fortes na metade norte, e serán aínda máis fortes nos litorais. Pide “especial precaución” respecto aos ventos que poden superar os 100 quilómetros por hora de refacho máximo. Recomenda evitar pasar por baixo de obxectos que poidan desprenderse na cidade como guindastres ou árbores.

O domingo os efectos de Domingos serán menores polo afastamento da borrasca cara ao mar do norte, aínda que seguirá o "moi mal estado" na corta e as precipitacións abundantes na Galiza. Ademais os refachos de vento seguirán sendo fortes no norte e nalgunhas zonas non se descarta en zonas de montaña a aparición de neve a partir dos 1.400 metros.

A próxima semana, o portavoz da Aemet explica que as precipitacións afectarán ao noroeste e norte da Península, especialmente a Galiza, onde serán máis frecuentes e intensas. As temperaturas non experimentarán grandes cambios, serán “normais para a época”. Os ventos soprarán de compoñente oeste pero irán perdendo gradualmente intensidade. A Aemet espera que a partir da cuarta feira sigan chegando frontes ao terzo norte peninsular, mais predominará o tempo anticiclónico.