Doentes de epilepsia, párkinson ou con problemas de visión, sen especialista nas urxencias do CHUS

chus urxencias 3 900
Pacientes e usuarias do CHUS denuncian a fin das gardas de neurofisioloxía no servizo de urxencias.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago asegura nun comunicado que "debido á falla de persoal sanitario, o servizo de neurofisioloxía comunicoulle ao de urxencias que deixan de prestar as gardas requeridas".

Na práctica, di, esa ausencia de especialistas deixará sen consulta urxente específica os doentes de epilepsia, TDAH en adultos, síndrome de pernas inquedas, párkinson, miopatías (dexeneración do tecido muscular), radiculopatías (perda da sensibilidade), mielopatía cervical (compresión da médula espinal no pescozo), transtornos do sono (apnea, narcolepsia, insomnio), retinopatía (problemas de visión), e hipoacusia (problemas de audición).

Segundo precisa a asociación compostelá, veranse especialmente afectados os cadros clínicos dos pacientes de urxencias que precisen unha análise da actividade bioeléctrica ou un estudo do síndrome confusional agudo.

Demoras

Pacientes e usuarias do CHUS sinalan, ademáis, esperas de máis de nove meses por un diagnóstico de neurofisioloxía, o que indica o grao de colapso que soporta o servizo por falla de medios humanos e materiais.

Os pacientes e profesionais sanitarios sufrimos as repercusións das decisións dos xestores e responsñabeis políticos

"Consideramos que a situación é de tal gravidade que non precisa comentario. Ante os feitos, as recentes declaracións do conselleiro de sanidade, Xulio García Comesaña, sobre a fortaleza e o normal funcionamento do Sergas, son unha burla á ciudadanía".

"Os xestores e responsábeis políticos manipulan a interpretación dos feitos á súa conveniencia, pretendendo crear unha realidade paralela, pero, como consecuencia, os pacientes e profesionais sanitarios sufrimos as repercusións das súas decisións", engaden.

Neste sentido, desde a asociación de doentes do CHUS lembran ás autoridades e xestores do hospital a súa obriga de garantir "a carteira de servizos global e de pór os medios necesarios para que isto sexa así".

"A inactividade e deixación de funcións ten consecuencias irreparábeis sobre a saúde das persoas. Polo tanto, esiximos que cumpran as súas obrigas e procedan, con carácter urxente, a contratar o persoal preciso que permita restabelecer as gardas de neurofisioloxía no servizo de urxencias".