VÍDEO

Un documental dá testemuña da "destrución" da sanidade pública na Galiza

A estrea do filme foi acompañada dun coloquio. (Foto: Arxina)
'D.E.P. - Destruír É o Plan', de SOS Sanidade Pública, estreouse esta cuarta feira en Compostela.

Profesionais da sanidade, persoas expertas no tema sanitario, usuarias. O documental DEP-Destruír É o Plan, impulsado por SOS sanidade Pública, recolle unha pluralidade de voces para certificar o que está a pasar coa sanidade pública na Galiza. Unha situación que ten un unha das súas consecuencias máis graves en que "a mortalidade evitábel non xustificada pola epidemioloxía segue crecendo na Galiza".

Ademais de analizar os motivos deste aumento da mortalidade, "sen dúbida relacionado coas inexplicábeis listas de espera que seguen crecendo", o filme tamén mostra como se atopan os centros de saúde sen servizos mínimos e os PACs pechados, así como a falla de persoal en Atención Primaria.

O Auditorio da Galiza, en Compostela, acolleu a preestrea dun traballo documental que, segundo os responsábeis, "terá percorrido por festivais internacionais". Tamén se realizarán proxeccións en bibliotecas, cineclubs, centros socioculturais e centros educativos. E desde hoxe tamén poderá poderá verse completa na web www.sossanidade.com. 

A preestrea estivo acompañada, adfemais, dun coloquio no que participaron diferentes representantes de colectivos de defensa da sanidade pública como os doutores Xosé María Dios e Manuel Martín, voceiros de SOS Sanidade, ou Vanesa Viquendi, encargada de defender no Parlamento galego a ILP que procuraba afortalar a atención primaria.

Listas

As longas listas de agarda sanitaria na Galiza son un dos puntos centrais que trata este traballo audiovisual. Unhas listas que se incrementaron en 32.262 persoas no sistema sanitario galego o pasado ano 2022.

Así, 380.171 galegas e galegos agardan por unha cita hospitalaria, das cales 46.161 esperan una media de 77,8 días por unha cirurxía; 215.620 esperan unha media de 66 días por unha consulta hospitalaria e 118.390 esperan unha media de 88,4 días por una proba diagnóstica. Estes tres casos reflicten unha alza importante en relación cos anteriores semestre.