E-Dixgal fai dez anos entre críticas aos recursos didácticos e eloxios á tecnoloxía

Alumnado traballa na aula con cadanseu ordenador portátil no marco do programa E-Dixgal. (Foto: Xunta da Galiza).
Máis de 60.000 alumnos e alumnas duns 600 centros de ensino da Galiza estudan con dispositivos portátiles, conectados á rede e con acceso a contidos dixitais. Mudaron os libros de texto impresos polas pantallas, que desde hai unha década ocupan un espazo central nas aulas de 5º de Primaria a 4º da ESO.

Un total de 34 centros educativos incorporáronse este curso ao programa E-Dixgal da Xunta da Galiza, un proxecto experimental, herdeiro do Abalar, que atinxe un total de 64.200 estudantes de 630 centros educativos, segundo datos da Consellaría de Educación.

En 2009 o programa Abalar foi o primeiro en introducir un contorno virtual de aprendizaxe nas aulas tradicionais. Neste marco, en 2014, arrancou E-Dixgal. Alumnado de 5º e 6º de Primaria máis de 1º e 2º da ESO converteuse no primeiro en acceder a un ensino completamente dixital. Desde 2021 tamén fan parte desta experiencia estudantes de 3º e 4º da ESO.

Sempre fala das vantaxes tecnolóxicas pero nunca das vantaxes pedagóxicas

Dispoñen de "ordenadores ultraportátiles con acceso a libro e materiais dixitais cos que desenvolver o seu proxecto curricular", sinala a Xunta, en aulas dotadas dun "kit dixital" e conexión á rede de datos do centro.

Conexións e contidos

Para Nel Vidal, profesor de Lingua Galega no CPI O Cruce de Cerceda, os recursos tecnolóxicos polarizan toda a xestión do programa por parte da Consellaría, "que sempre fala das vantaxes tecnolóxicas pero nunca das vantaxes pedagóxicas".

Nin sequera están valoradas, engade. Na súa opinión, o programa E-Dixgal céntrase só en ofertar aparellos e asegurar que todas as crianzas teñan ordenadores a cambio de "renunciar" aos libros de texto e ás axudas destinadas a mercalos.

"É unha chantaxe. Os centros poucas veces reflexionan sobre as consecuencias pedagóxicas desta decisión" e déixanse seducir por un segundo gancho, di, porque a Xunta tamén lles ofrece "prioridade á hora de resolver incidencias técnicas".

A rapazada necesita mellorar en lectura, en escritura, en cálculo matemático e resolución de problemas. E isto non o facilita E-Dixgal

Ana Carballido, docente de 5º de Primaria do CEIP Manuel Mato Vizoso de Vilalba, confirma que o servizo "premium" funciona "bastante ben". "As conexión son boas e no meu centro temos ordenadores a estrear; pero os contidos non valen para nada".

O seu centro incorporouse ao E-Dixgal o curso pasado co alumnado de 6º e este ano, co de 5º. "O que observo son contidos moi básicos, pouco adaptados ao nivel de Primaria e sen ningunha práctica", de forma que non son de axuda nin serven de guía para o alumnado, advirte.

Con todo, o problema máis importante, afirma Carballido, é que "pretendemos, ou pretende a Consellaría, que a rapazada con 9 ou 10 anos colla unhas destrezas dixitais sen adquirir primeiro outras: mellorar en lectura, en escritura, en cálculo matemático e resolución de problemas. E isto non o facilita E-Dixgal. Todo o contrario".

Aprendizaxe

En Secundaria, Vidal tamén detecta un alumnado ao que cada vez lle custa máis concentrarse. "Empeorou en capacidade e comprensión lectora, en capacidade de redacción e de reflexión sobre os contidos". A inmediatez do tecnolóxico aléntaos a "resolver exercicios a golpe de clic sen a consideración previa que ten que haber e que require un mínimo de atención", insiste.

Se se debe ou non a un uso exclusivo do ordenador nas aulas desde moi cativos é algo que urxe aclarar. "Seguramente entren en xogo outros factores, pero ten que haber unha análise e un debate minimamente serio por parte da Consellaría e dos centros. Todos os nenos teñen ordenador, si, pero a cambio de que?", cuestiona Nel Vidal.

Sería máis aproveitábel investir en persoal e dispor de máis mestres de apoio

Para Ana Carballido E-Dixgal é un recurso máis na aula, "moi atractivo para o alumnado pero pouco práctico para rapazada tan pequena", ao que a Consellaría "non debería dedicar tanto diñeiro". Considera que sería "máis aproveitábel" investir en persoal "e dispor de máis mestres de apoio", nomeadamente nun centro coma o seu con 60 estudantes cunha incorporación tardía ao sistema educativo. 

Vidal reivindica o dereito a recuperar os libros impresos sen prescindir das tecnoloxías, un recurso valioso tamén para Carballido, que pide traballar habilidades e destrezas básicas necesarias máis aló das dixitais. Ambos coinciden ademais en sinalar as dificultades que atopan á hora de "controlar" o uso dos ordenadores "en aulas masificadas".

A discusión acrecéntase nos centros, mais non é allea ás familias que piden, como mínimo, unha revisión do sistema.