O dispositivo de loita contra incendios forestais na Galiza contará con máis de 7.000 efectivos

Bombeiro traballando na extinción dos lumes (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Ademais, destes 7.000 efectivos, mobilizaranse 380 motobombas, máis de 800 bombeiros, uns 200 vehículos e 30 medios aéreos.

A Xunta e o Goberno español constituíron esta segunda feira o Comité Integrado de Prevención contra Incendios da Galiza (Cipig) para a campaña de alto risco, que vai do 1 de xullo ao 30 de setembro, que este ano contará con máis de 7.000 efectivos. Uns 3.000 serán do Goberno galego, e os 4.000 restantes do Executivo de Pedro Sánchez, ante a previsión dun verán moi seco.

Ademais, destes 7.000 efectivos, mobilizaranse 380 motobombas, máis de 800 bombeiros, uns 200 vehículos e 30 medios aéreos. A  Axencia  Galega de Emerxencias (Axega) colaborará nas intervencións co Grupo de Apoio Loxístico (Gali) e facilitará medios técnicos como unha unidade operativa con sete drons ou tres cisternas nai con capacidade de 25.000 litros cada unha delas.

En palabras do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,  Xustiza e Deportes, Diego Calvo, trátase dunha cantidade de medios "inxente" para a loita contra os incendios. Así mesmo, desexou que este ano "siga a tendencia dos últimos anos de menor actividade incendiaria".

Por outra parte, o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, anunciou a incorporación de 30 drons do Exército e da Armada. Entre eles, o Dron Pasi, que conta cunha autonomía de voo de até 48 horas, voa a uns 10.000 pés de altura e conta cun radio de acción de 250 quilómetros, segundo detallou o propio Miñóns.

Aliás, o delegado do Goberno español asegurou que, de ser necesario, desprazaríanse á Galiza medios como a Unidade Militar de Emerxencias (UME), a  Brilat, e os "efectivos necesarios" de Garda Civil e Policía Nacional. 

"Preocupación maior"

O conselleiro  do Medio Rural, José González, afirmou que os veráns sempre manteñen o seu departamento "preocupado e ocupado", pero este ano, "cunha época de seca", recoñeceu que pode supor "unha preocupación maior".

Con todo, González reivindicou que a Xunta xa fixo traballos de prevención, cun investimento no Plan de Prevención duns 33 millóns de euros para limpeza, roza e tarefas de mantemento. 

"Temos todo preparado para tratar que os efectos dos incendios forestais na Galiza sexan o menos posible", insistiu o conselleiro  do Medio Rural.

Ademais, José González pediu a colaboración da cidadanía para denunciar "calquera comportamento incendiario que detecten".