O persoal de extinción de incendios carga contra a "precariedade" do servizo

O persoal adscrito á Consellaría de Medio Rural levará as súas protestas a San Caetano
Concentración do persoal de Medio Rural ante o edificio da Xunta en Lugo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Concentración do persoal de Medio Rural ante o edificio da Xunta en Lugo (Foto: Nós Diario).

Arredor dun cento de traballadores e traballadoras da Consellería do Medio Rural concentáronse esta cuarta feira ás portas da delegación da Xunta en Lugo para protestar contra a "precariedade e inseguridade xurídica" que padece o persoal do servizo de extinción de incendios.

Con esta protesta, segundo explicou o presidente do comité de empresa de Medio Rural en Lugo, Carlos Hermida (CCOO), é reivindicar "un cambio de modelo no sistema de contratacións, xa que, denuncia, o actual "é un sistema de acordeón, con persoal fixo que rolda 40%, e persoal fixo descontinuo de seis a nove meses".

Hermida exemplificou a situación co acontecido no recente incendio de Ribas de Sil, que arrasou máis de 1.700 hectáreas, un lume de sexta xeración que se caracteriza por orixinar un microclima que fai moi difícil a súa extinción e pon en risco a vida de moitos traballadores e traballadoras do servizo de incendios.

Segundo denuncia, o actual sistema "está obsoleto e é necesario un cambio", xa que, ao seu entender, "non se pode basear só o servizo na extinción, senón tamén na prevención, que hai que facela fóra de tempadas de máximo risco", apuntou. "Antes producíanse moitos incendios, moitos pequenos e algún grande e agora todos os incendios que se producen van ser estes lumes de sexta xeración que fai necesario que o persoal traballe durante doce meses ao ano, e non que haxa persoal en precario de seis meses e persoal de nove meses", lamentou.

Neste senso, os persoal de extinción de incendios, que esta quinta feira se concentrará diante do edificio administrativo da Xunta en San Caetano, reclama a Consellaría do Medio Rural "que cubran as vacantes, xa que neste momento hai unha chea de prazas vacantes que están sen cubrir, e que se consoliden os postos de traballo, xa que nestes momentos estamos en torno ao 60% de prazas de persoal laboral temporal".

Menos incendios pero máis virulentos

Así mesmo, o presidente do comité de empresa recoñeceu que "este ano non está a ser moi prexudicial con respecto aos incendios [...] mais o problema que temos agora é que baixan os incendios, pero os que hai queiman moitas hectáreas", avisou.

"Os famosos lumes de sexta xeración fan que estes incendios sexan unha bomba e que sexan  perigosísimos para o persoal que traballamos na extinción", alertou o responsábel sindical, que confía en que Medio Rural actúe en consecuencia.

Comentarios