Case un centenar de positivos máis

A Xunta intervén a residencia de Outeiro de Rei após dispararse os casos

Test de coronavirus.

O descontrol no centro de maiores de DomusVi en Outeiro de Rei é total, ao comunicarse no día de hoxe, 8 de setembro, 99 casos positivos máis. A Xunta da Galiza optou por un control férreo como fixera no Incio.

 

A Xunta intervén a residencia de maiores DomusVI de Outeiro de Rei logo de dispararse os casos de positivos por coronavirus. Despois de evaluar a evolución epidemiolóxica do centro, as consellarías de Sanidade e Política Social veñen de comunicar esta decisión.

O obxectivoo é "garantir a calidade asistencial e a correcta protección da saúde de residentes e traballadoras e traballadores do centro".

A partir de agora farase un seguimento médicos "constante", como xa sucedeu no Incio. Ademais, o Executivo galego vixiará a "correcta aplicación dos protocolos".

94 persoas usuarias afectadas

99 positivos máis na residencia de maiores de Outeiro de Rei. Eran as cifras actualizadas esta mañá pola Consellaría de Política Social, que non descartaba intervir (como acaba de ocorrer) este centro xestionado por DomusVi. Dos 99 casos positivos, 94 corresponden a persoas usuarias e 5 a traballadoras e traballadores.

En total, nesta residencia o número ascende a 139 usuarios e 14 empregados, de acordo cos datos fornecidos pola Xunta da Galiza.

A primeira vítima mortal deste gromo faleceu no Hospital Lucus Augusti a pasada fin de semana. Días antes o rexedor do municipio, o popular José Pardo Lombao, recoñeceu que existía unha preocupación pola afección do virus, que comezou a finais de agosto cando enfermaron dúas persoas do cadro de persoal.

Na localidade procedeuse á desinfección das rúas e á colocación de dispensadores de desinfectante. Entre outras medidas tomadas pola dirección do centro, tense recomendado ás e aos usuarios que fiquen nos seus cuartos.

O pasado sábado o BNG de Outeiro de Rei informara a través dun comunicado de prensa que solicitara a creación dunha comisión de seguimento da situación na residencia de DomusVi na que estivesen representados todos os grupos municipais. A formación nacionalista demandaba “a máxima transparencia na xestión da incidencia da Covid-19 no centro”.

Segundo os datos de Política Social, son 327 as persoas relacionadas con centros de maiores con coronavirus, dos que 253 son usuarios e usuarias e 74 traballadores e traballadoras. Despois do incremento de casos, a residencia DomusVi Outeiro de Rei é o epicentro da pandemia na Galiza, cun total de 153 casos.

Outros centros afectados

Tamén é considerábel o número de positivos na residencia do Incio, xestionada pola Fundación San Rosendo, aínda que a día de hoxe está intervida pola Xunta da Galiza. Hai 114 contaxiados, dos que 81 son usuarios e 33 traballadores.

Sitúase a continuación a residencia Orpea de Culleredo, onde se produciu a última morte relacionada co coronavirus, da que se informou no día de hoxe. Orpea ten 34 positivos, 29 usuarios e 5 traballadores. En Lalín hai 8 casos, 4 residentes e 4 empregados.

Ademais, houbo tres novos positivos entre usuarios da residencia de atención á discapacidade de Aspronaga, a Ricardo Baro situada no municipio de Oleiros.

A área de Política Social retirou do cómputo, pola súa curación, a dúas usuarias de Orpea, outra residente en Laraxe (Cabanas) -onde está afectado un traballador- e unha cuarta na DomusVi de Ferrol.