Critican que os orzamentos municipais non tiveron en conta a crise sanitaria

O BNG de Outeiro de Rei pide unha comisión de seguimento da residencia DomusVi

A formación nacionalista vén de presentar unha solicitude mediante a que se demanda a máxima transparencia sobre a situación da Covid-19 no centro.
fotonoticia_20200905122336_640
photo_camera As residencias DomusVi sofren casos activos de Covid-19. / Europa Press

O BNG de Outeiro de Rei solicita a creación dunha comisión de seguimento da situación na residencia de DomusVi  e na estean representados todos os grupos municipais. A formación nacionalista demanda “a máxima transparencia na xestión da incidencia da Covid-19 no centro” onde, segundo os datos que facilita o Sergas, se rexistran máis de medio cento de persoas contaxiadas, entre maiores e traballadoras.

A concelleira Elvira Lombao sinalou que “a situación da residencia está a xerar moita preocupación entre os familiares das persoas residentes e tamén das traballadoras”. “Como representantes municipais”, explica a edil, “temos a obriga de esixir que a situación se xestione coa máxima transparencia, tanto por parte da dirección do centro privado como das consellarías de Sanidade e Política Social”.

“Esa comisión de seguimento debería servir para coñecer datos precisos sobre os contaxios e as decisións que se están a tomar para deter o avance do virus”, expuxo Elvira Lombao, e engadiu que desa maneira “os grupos políticos poderemos propor e acordar medidas que melloren a situación do centro”.

A edil tamén sinalou que “a Covid´-19 está a por ao descuberto as deficiencias do modelo que impulsou o Partido Popular en toda Galiza”, e reafírmase “na necesidade de impulsar un cambio de modelo que aposte pola xestión pública e o dereito a un vellez digna”.

Elvira Lombao pediulle ao goberno municipal que “acepte a proposta do Bloque para atender as preocupacións da veciñanza  ante a pandemia”. Nese sentido, criticou que “os orzamentos do concello non recolleran ningunha medida para minguar o impacto económico e social da crise sanitaria entre a veciñanza”.

Comentarios