Docentes lanzan a rede de apoio LGBT nas escolas galegas

Mural no IES As Barxas. Abaixo: o taboleiro da diversidade, no mesmo centro.
Un grupo de profesionais de 50 centros de primaria e secundaria matinan na creación dunha rede de apoio LGBT que dea visibilidade ao colectivo no ámbito educativo. A comunidade educativa do país “deixa facer”, din as promotoras, “o que xa é cousa relevante”. 

A cousa empezou cun grupo de WhatsApp hai tres días. Foi na segunda feira, co inicio das actividades nalgúns centros de ensino. As promotoras tiñan listo un manifesto e decidiron lanzar a mensaxe, facela chegar aos coñecidos, xente que coma elas leva tempo (non moito) traballando con alumnas e alumnos, e tamén profesorado, en grupos de apoio ao colectivo LGBT nas escolas galegas de primaria e secundaria.

Profesionais que fan horas extra cun obxectivo. O obxectivo é común, pero até esta semana non se puxeron en serio a construír a rede. “Somos illas, sen conexión nin sinerxías, sen axuda da Xunta porque a lei prevé o desenvolvemento de iniciativas así, pero non hai vontade de crear equipos… Pasa en todo, tamén no ámbito da normalización da lingua, pero cando menos eles si teñen recoñecido o seu labor no horario. Nós, non. Pode que non haxa unha cousa parecida no resto do Estado, pero sabíamos que na Galiza hai profesionais, non só mestras e mestres, tamén orientadoras ou psicólogos ou pedagogas, e eramos coma illas, sen conexión nin sinerxías…”, afirma, en declaracións a Sermos GalizaDenís Vicente, que antes de formar un grupo de traballo no IES As Barxas de Moaña, asentara outro na Garda. Denís e Ana Ojea, do IES Politécnico de Vigo, lanzaron a idea e o manifesto que recolle cuestións como esta: 

“Para evitar a reprodución de estereotipos sexistas na invisibilización do colectivo LGBTI, na presunción de heterosexualidade na comunidade educativa, na discriminación por razóns de identidade de xénero ou orientación afectivo sexual, na orientación profesional segregadora, nas diferenzas no uso de espazos, na normalización das agresión dos máis fortes contras as e os máis débiles, xustificadas nos estereotipos sexistas e homofóbicos, na prevalencia do masculino sobre o feminino nos libros de textos e materias curriculares e na presunción de familia nuclear heterosexual, faise necesaria a aplicación de medidas individuais e colectivas encamiñadas a promover a igualdade de oportunidade, e, por tanto, asentar as bases para conseguir un centro coeducativo, libre de discriminación e respectuoso con todas as diversidades…”

En tres días apañaron respostas positivas desde 50 centros galegos. Nalgúns casos hai máis dun docente que se implica, pero “para sermos operativas” designarán unha persoa por colexio. A canle segue aberta. O mail de contacto é o seguinte: redu.lgbt.galiza@protonmail.com

“Estaremos todo este mes recollendo adhesións. Para o outono queremos montar unha asemblea e que alí se decida todo: como funcionará a rede, que ferramentas e recurso poremos en común”, explica Denís.

Ana e Denís xa teñen experiencia. Ela empezou hai catro anos co seu grupo no Politécnico de Vigo. El dinamizou un grupo na Guarda con 20 persoas (“e segue funcionando”). En Moaña empezaron facendo asembleas conxuntas, anunciándose como feministas e colectivo LGBT. “Visibilizarse ao principio é difícil. Pero despois cada quen xa che pide grupos específicos. Así foi”. Das asembleas pasaron a reunións en grupos máis pequenos para xerar espazos de confianza, despois organizaron charlas e obradoiros até que conseguiron colgar nunha parede o taboleiro da diversidade.

“O resto de profesoras e profesores pensan que se funciona, pois está ben”, confesa Denís. “Parece algo moi simple, pero é moi relevante: que che deixen facer é positivo… pode que haxa aceptación porque non require un esforzo en horario ou económico máis alá do teu esforzo, pero do que tratamos é de cuestións afectivo-sexuais e sempre require facelo con planificación e ben asesorados”.

As persoas LGTB están aí, non son só da farándula, hainas entre as alumnas e alumnos e entre o profesorado, insiste Denís. Para el a primeira conquista será a da normalización, a da visibilización sen temores. Despois, a rede servirá para todo. “Temos en mente facer labor de asesoramento e tamén campañas propias. Por exemplo, explicar en cada centro como se crea un grupo, como se consegue financiamento, como se pon en marcha un plan de diversidade. E despois atender tamén a campañas no día do orgullo ou ás iniciativas contra a LGTBfobia”.