Rexeitamento á campaña de Hazte Oír nos institutos da Galiza

CIG-Ensino anima a boicotear a censura previa que “fomenta” este grupo “ultracatólico, homófobo e reaccionario” e STEG cualifica de "moi graves os feitos".

A finais de setembro a Rede Educativa de Apoio LGTB da Galiza, na que se integran 85 docentes e profesionais da educación, pedía á Xunta que instase os centros a retirara a “propaganda antiLGTBI” que o colectivo ultra Hazte Oír colocara en centros de ensino galegos.

O sindicato maioritario no ensino, a CIG, chama agora ao profesorado  “a responder fronte ao machismo e á intolerancia” que representa este grupo. Alerta, así, da campaña que este desenvolve nos institutos. “Entra por medios de cartas dirixidas ás equipas directivas e de folletos […] e está centrada na negación da liberade de elección sexual mais tamén da liberdade de cátedra”.

Hazte Oír, “unha asociación radicada en Madrid, un lobby ultracatólico cun enorme financiamento económico e con fortes ligazóns ideolóxicas coa dereita extrema española”, como a describe a CIG, difunde neste principio de curso un material enviado por correo postal a todos os centros educativos no que novamente amosa “uns posicionamentos ideolóxicos impropios dunha sociedade democrática e que non poden ter cabida nos nosos centros, ao atentar directamente cos principios máis elementais do respecto á identidade sexual ou á igualdade entre homes e mulleres”.

Afirma a central nacionalista que HO pretende establecer a censura previa nos centros educativos. “Así, nunha carta dirixida ás direccións dos centros chegan ao atrevemento de afirmar que existe un mandato legal para que se respecte a censura do pais e nais sobre os contidos curriculares”.

De por parte, STEG e Asemblea de Mulleres xulgan "moi graves" estes feitos, que o que difunden é "unha mensaxe de humillación e intolerancia inaceptábel e indigna nunha sociedade democrática. Coñecemos dabondo estas actitudes e esta ideoloxía. Son as que historicamente incitaron as mulleres para aceptaren submisamente a súa subordinación, económica e física, ao home e que aínda hoxe condenan a súa aspiración á igualdade e á non violencia como “ideoloxía de xénero”. Son as mesmas que ampararon leis que condenaban a homosexualidade como unha desviación moral puníbel legalmente".