Directores de residencias urxen a trasladar ás doentes para evitar máis contaxios

O cadro de persoal dunha residencia de Lugo está sendo sometido a un cribado de control (Foto: Carlos Crespo / Europa Press)
A Asociación Galega de Directores de Residencias Sociais (DiReS), que se creou no mes de xullo e ten preto de medio centenar de membros, defende que teñen que ser as autoridades as que se ocupen das e dos doentes. Consideran que as instalacións que xestionan non están preparadas para facer "illamentos" nin controlar a situación, malia o "extraordinario esforzo" dos seus cadros de persoal para implantar os novos protocolos de seguridade e saúde en "tempo récord".

Coa preocupación polas usuarias e usuarios dos centros residencias galegos en aumento debido á aparición de gromos e ao número de falecementos vinculados a estas infraestruturas, a  Asociación Galega de Directores de Residencias Sociais (DiReS) urxe á Xunta a que traslade ás e aos enfermos para evitar máis contaxios.

A organización, que se creou este pasado mes de xullo e que xa agrupa a preto de 50 profesionais do sector, considera que a Administración ten que tomar medidas con “dispositivos sanitarios para evitar as escaladas de contaxios”.

Por iso, ofrécese á Xunta e doutras administracións “para colaborar na mellora de protocolos aportando o seu coñecemento no eido asistencial”.

Neste sentido, desde DiReS quixeron lembrar o “extraordinario esforzo” que fixo o persoal das instalacións para adaptarse aos protocolos de seguridade e saúde por mor da Covid-19 en tempo récord.

“Probabelmente sexa o sector onde se implantou a maior cantidade de novas medidas contra o coronavirus”, din os representantes da entidade. No entanto, a experiencia amosa que houbo e hai fendas nos protocolos e, neste contexto, demandan que se realicen “probas PCR a todas as persoas relacionadas co centro para poder identificar de forma inmediata ás e aos contaxiados e separalos dos que non o están” en canto se saiba dun caso activo.

Sen capacidade de atender a infecciosos

Desde o seu punto de vista a separación non lles correspondería. “Este illamento non se pode facer nos propios centros, xa que non están preparados nin arquitectónica nin funcionalmente para elo”, defenden.

Tamén engaden que non son “unidades asistenciais pensadas para atender pacientes infecciosos”. E exixen ás autoridades competentes en materia sanitaria e de política social a que tezan ese protocolo que permita separar á xente.

“É fundamental que a autoridade sanitaria modifique o procedemento actual, incluíndo o traslado dos positivos en Covid-19 independentemente do seu nivel de dependencia, e promovendo a axilidade nas derivacións, co obxectivo de impedir a repetición de situacións que se viviron desde o inicio da pandemia”, subliñan.

Desta forma, deron a entender que a situación denunciada por algunhas familias polo menos noutras zonas do Estado, de que non se permitía levar ás residentes enfermas aos centros sanitarios, foi real tamén no país.

Afectación nos centros da Galiza

Actualmente nas residencias hai afectadas 160 usuarias e usuarios, con especial incidencia en catro centros. A residencia do Incio ten relación con 84 pacientes e a DomusVi Lugo outros 43. A estes súmanse 29 doentes que residen na Residencia Orpea Coruña e 4 da Domusvi de Lalín.

No que se refire ao cadro de persoal destas instalacións asistenciais, hai afectadas 66 persoas. A maioría están no Incio (34); DomusVi Lugo (8), en Outeiro de Rei; Orpea Coruña (5), no municipio de Culleredo; e Domusvi Lalín (4).

Ademais hai traballadoras e traballadores contaxiados nas residencias de Oleiros; Domusvi Coruña (Oleiros); Volta do Castro (Compostela); Victoria (Teo); Os Tercios (Touro); Domusvi Monforte; San Bartolomeu (Xove); Nosa Señora do Socorro (Arnoia); La Saleta (Cea); Domusvi Barra de Miño (Coles); Santiago Apóstol (Vilamarín); Fogar Residencial de Vilar de Barrio; Saraiva Sénior (Pontevedra); CRAPD Vigo II e Xeriátrica Albi (Beade).

Noutras centros nos que de momento non hai propagación do virus están a facer cribados entre residentes e persoal, como é o caso da residencia ubicada no barrio da Milagrosa, en Lugo.