Xustiza

Directivos da armadora do ‘Vila de Pitanxo’ declaran hoxe na Audiencia Nacional

Entrada á Audiencia Nacional. (Foto: Óscar Cañas / Europa Press).

O xuíz escoitará tamén a tres mariñeiros dun dos buques que acudiu no auxilio do pesqueiro afundido.

O xuíz da Audiencia Nacional que investiga o naufraxio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, naufragado en febreiro de 2022 en augas de Terranova, en Canadá, tomará declaración esta segunda feira, 27 de novembro, como investigados a dous directivos de Pesqueiras Nores, a armadora do navío.

En concreto, segundo fontes consultadas pola axencia Europa Press, son o director xeral da compañía, José Antonio Nores, e o responsábel de Frota da empresa, José Antonio Nores, pai e fillo. Ambos os dous acudirán a declarar ante a Audiencia Nacional en calidade de investigados pola súa presunta responsabilidade no naufraxio.

Trátase dunha dilixencia solicitada pola defensa da familia dos 21 falecidos no naufraxio, despois de que presentaran unha querela non só contra o capitán do barco, senón tamén contra a propia armadora.

Neste mesmo día tamén está previsto que declaren tres mariñeiros que formaron parte da tripulación do Vila de Pitanxo en mareas anteriores. Ademais, foron citados, por videoconferencia, tres tripulantes do buque portugués Novo Virxe da Barca, un dos pesqueiros que acudiu en auxilio do Pitanxo.

Naufraxio 

O pesqueiro galego Vila de Pitanxo naufragou a 450 quilómetros da costa de Terranova en febreiro de 2022, acabando coa vida de 21 dos 24 mariñeiros a bordo. A partir de aí, as familias dos falecidos trataron de pescudar que sucedeu.

Durante a instrución, o xuíz tomou declaración ao patrón do pesqueiro, Juan Padín, en calidade de imputado, ao seu sobriño Eduardo Rial e ao mariñeiro Samuel Kwesi, como testemuñas, ao ser os tres únicos sobreviventes do naufraxio. Tamén está imputada a armadora, Pesqueiras Nores.

A investigación xudicial xorde a raíz de que Samuel Kwesi ofreceu unha versión que contradí a exposta por Padín e Rial, e que apuntaría a posíbeis neglixencias por parte destes que desencadearían na traxedia.

Após tomarlles declaración, o maxistrado prohibiu saír de España ao patrón do pesqueiro, retiroulle o pasaporte e impúxolle a medida cautelar de comparecer cada quince días en sede xudicial e estar localizado.

Ademais, solicitouse unha inspección ocular do barco, acometida este verán (máis dun ano despois e logo de moita insistencia por parte das familias das vítimas) polo buque Ártabro, no medio dunha polémica orixinada debido a que o barco partiu cara o lugar do naufraxio por ordes do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, mais sen a autorización da Audiencia Nacional, o órgano que leva o caso.

Por isto, antes de comezar a misión, tivo que recalar en Terranova para recoller a dous peritos máis: un designado polo xulgado e outro proposto de forma conxunta polas familias dos mariñeiros falecidos.

Investigación provisional

A falta de coñecer os resultados definitivos desta inspección ocular, a investigación provisional do afundimento do Pitanxo apunta a que o barco levaba dous tripulantes non autorizados, dado que nel viaxaban 24 mariñeiros e só 22 estaban autorizadas a bordo. "O número de traxes de supervivencia, segundo os certificados, era de 22", indica o informe provisional que publicou o 23 de febreiro de 2023 a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim), dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

O mesmo informe sinala que na súa última posición, o Pitanxo navegaba a 2,6 nós de velocidade (uns 5 km/h) no medio dun temporal con ondas de até 10 metros mentres "a arte de pesca, que aínda non se virou e contén as capturas das últimas horas de arrastre, exerce un forte tiro sobre as pastecas de arrastre". O informe apunta que, nese momento, "por causas que aínda se están a analizar, o buque queda sen capacidade de manobra".