Inspección do 'Vila de Pitanxo'

Moncloa deslígase da partida do 'Ártabro' sen aval xudicial escudándose na "plena autonomía" da Ciaim

"Non é xustificábel que o órgano xudicial encargado desta investigación non teña constancia oficial da partida do buque nin de se se atopan a bordo algúns dos peritos xudiciais designados", lamenta o BNG, que demanda "cumprir coas exixencias" da Audiencia Nacional.
O buque 'Ártabro', de ACSM Shipping, atracado no porto de Vigo antes de partir. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera O buque 'Ártabro', de ACSM Shipping, atracado no porto de Vigo antes de partir. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) remitiu xa á Audiencia Nacional "toda a información" que solicitaba a respecto da misión emprendida polo buque Ártabro para inspeccionar o pecio do Vila de Pitanxo, naufragado a 450 quilómetros de Terranova (Canadá) en febreiro de 2022. Así o trasladan fontes do Goberno español, que, porén, alegan que "non lle corresponde" ao Ministerio nin "a execución do contrato" nin "a coordinación" co xulgado, senón que é a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) a que o debe facer como órgano que, se ben está integrado no organigrama do Mitma, goza de "independencia".

O Ártabro partiu o pasado 17 de maio do porto de Vigo a pesar de non contar co permiso do xuíz Ismael Moreno, que investiga este naufraxio no que faleceron 21 dos 24 mariñeiros que ían a bordo, nin co visto e prace das familias das vítimas. Esta mesma segunda feira, o maxistrado emitiu unha providencia para pedir explicacións ao Goberno estatal sobre por que partiu o barco sen "expresa autorización".

E esta terza fontes do Executivo confirman que, alén de trasladar á Ciaim os requirimentos do xuíz, xa se remitiu "toda a información solicitada" porque, "como non podía ser doutra forma", o Ministerio de Transportes ten "total disposición á colaboración máxima coa Xustiza". Neste contexto, o Goberno lembra que si corresponde ao Mitma "pór os medios, económicos e materiais, e realizar a tramitación administrativa" para contratar o operativo, cuestións que foron remitidas ao xulgado correspondente da Audiencia Nacional.

No entanto, advirte que "tanto a elaboración dos pregos como a xestión da execución do contrato e a coordinación" co xulgado "non lle corresponde" ao Ministerio, que "debe manterse á marxe pola propia independencia" que ten a Ciaim nas súas actuacións, tal e como lembran estas fontes. Aliás, insisten en que esta comisión, malia que depende en última instancia do Mitma por "carecer de personalidade xurídica propia", ten "plena autonomía funcional" na súa investigación.

De feito, desde o Ministerio trasladaron ao xuíz que "está prohibido legalmente", de acordo co Dereito comunitario e os tratados internacionais, que as autoridades administrativas poidan darlle "calquera instrución" á Ciaim.

O BNG exixe "cumprir as exixencias"

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou esta terza feira unha batería de iniciativas de urxencia instando Moncloa a cumprir os requirimentos xudiciais na expedición ao pecio do Pitanxo. "O propio oficio deixa claro que o órgano xudicial non ten constancia oficial da partida do buque, nin de se, efectivamente, se atopan a bordo algún dos peritos xudiciais designados", denunciou.

"Non é xustificábel que o órgano xudicial encargado desta investigación non teña constancia oficial da partida do buque nin de se se atopan a bordo algúns dos peritos xudiciais designados", engadiu o parlamentario nacionalista.

Comentarios