Entrevista

Dionísio Pereira, historiador: "A Galiza non é submisa, sempre houbo rebeldes"

Dionísio Pereira fai medrar o seu sitio web persoal. (Foto: Nós Diario)
Con 60 anos o historiador Dionísio Pereira (A Coruña, 1953) puxo en marcha un blog persoal que agora con 70 vén de ampliar e transformar nun sitio web onde dá conta da súa traxectoria como investigador. 'Na volta do camiño' condensa o seu compromiso coa memoria dunha Galiza rebelde.

—Con que se vai encontrar o público lector no seu blog Na volta do camiño?
Esta iniciativa é un unha achega persoal sen máis pretensión que deixar dito todo o que é a miña traxectoria como historiador. O público vai encontrar as últimas publicacións e materiais relacionadas con elas, unha webgrafía completa e a miña bibliografía xeral despois de 45 anos de pescudas. Vaina atopar en catro apartados que titulei Movementos sociais na Galiza, Historia e cultura marítima, Terra de Montes e Política e sociedade. En total son perto de 400 publicacións: libros, ensaios, artigos; uns individuais e outros feitos en colaboración con outras investigadoras e investigadores, nomeadamente con Eliseo Fernández.

Ademais, incluín un Caixón de xastre onde se poden consultar materiais de diversas temáticas, un espazo que non está planificado e que irá medrando con achegas dixitais segundo o tempo de que dispoña; un álbum de fotografías; as capas e contracapas dalgúns dos traballos que realicei e ligazóns a outras páxinas web e blogs que para min son interesantes. Pero a parte disto, que é o cerne principal, aí está tamén o ideario que sustentou este traballo tan delongado.

—Que ideas principais sosteñen a súa traxectoria?
Desde que me puxen a traballar cando aínda non morrera Franco, a historia foi para min unha boa compañeira de vida. O que quixen dicir desde o principio é que na Galiza sempre houbo rebeldes, malia se nos presentar seguido como un pobo submiso, asociado ás bestas de carga. Sempre quixen mostrar que non é así, que a rebeldía é un dos nosos sinais de identidade. E tamén que o conflito sempre estivo no devir colectivo do noso país.

Isto implicou que eu non aceptase un enfoque reducido á conflitividade da historia agraria ou á conflitividade nacional que xa estaba en marcha a finais dos 70. Eu sempre circulei polas marxes, até hoxe mesmo, que comezaron coa historia do movemento operario, da que fun pioneiro; da historia social da xente do mar pasando, a formar parte dun grupo de francotiradores que non aceptamos a visión memoricida da transición, para traballar desde  a represión franquista e da resistencia armada e civil á ditadura franquista.

Tamén desde as marxes dediqueime a tirar do escurecemento a comunidade portuguesa da Galiza. Froito da miña estancia en Marrocos fun crítico coa ausencia do enfoque anticolonial no galeguismo político primixenio, sobre todo con respecto ás nosas relacións internacionais, tomando como exemplo a participación galega nas guerras de África.

—Esa inquedanza investigadora que o acompañou nas catro últimas décadas, en que se materializa hoxe? 
Hai unha serie de referentes que para min son importantes. Eu nacín na Coruña pero toda a miña vida estivo moi marcada pola familia de meu pai, que é do val de Monterrei, tamén pola miña estancia en Compostela, en Cambados, en contacto co mar, e agora Terra de Montes. Todas estas patrias pequenas vense reflectidas no meu traballo. Agora, xa coa carga dos anos, vexo que hai que acabar cousas e estou a traballar nesa zona sur, na raia seca desde A Limia ás Portelas.

Se a saúde me respecta penso dedicarlle un par de anos ás axitacións operarias relacionadas coa construción do camiño de ferro Zamora-Ourense, a terríbel represión que se deu nesta zona, moi pouco coñecida malia ser unha das máis intensas da Galiza despois das de Ferrol e Tui, e a resistencia que desde os primeiros momentos do golpe se desenvolve e dá lugar a unha guerrilla da raia que ten moito que ver coa propia formación da Federación de Guerrillas de León-Galiza en 1942.


Historia para cambiar o mundo

Para Dionísio Pereira a investigación nunca estivo en disputa coa socialización nin co activismo. "Para min a historia nunca foi un fin, foi unha ferramenta para construír un mundo mellor". Hoxe, o carácter rebelde da Galiza que Pereira estudou e reivindica, recoñéceo noutros movementos chamados a remover o futuro.

"Eu son historiador non sociólogo, pero neste momento de especial apatía, o movemento sindical da Galiza, representado pola CIG e pequenos sindicatos, combate esa mitoloxía do galego submiso. Tamén o movemento feminista, que foi quen de alcanzar unha masividade que continúa por múltiples vieiros. E como veciño de Terra de Montes non podo deixar de sinalar a defensa do territorio ante a inquedanza que está a causar o espolio eólico". De novo o conflito na conformación do país é o legado de Pereira, que di estar en contra do "ensimesmamento de  historiadores e historiadoras".