Trabas no acceso a expedientes das axudas

Diñeiro público para o 'lobby' mineiro

O director xeral de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces, nunhas xornadas sobre minaría (Imaxe: Europa Press).
Por segundo ano consecuntivo a Xunta da Galiza destinou axudas a agrupacións empresariais para a promoción da "minaría sostíbel". A Cámara Mineira Galega, impulsora do marketing do sector, gañou unha influencia cada vez maior desde a chegada do PP ao Goberno. 

En febreiro de 2019 a Cámara Mineira Galega presentou en Santiago de Compostela a marca “Minaría Sostíbel”. Naquel acto as súas integrantes, compañías do sector mineiro, introducírona como resposta a “unha campaña de desinformación sobre o sector”. A entidade impulsora é “unha corporación de dereito público e un órgano consultivo da Administración”, como se autorretrata, que “representa o sector industrial dos recursos minerais na Galiza”. É dicir, fai ás veces de lobby empresarial.

Desde a chegada do Partido Popular á Xunta esta entidade vén absorbendo labores administrativos, como a xestión do catastro mineiro. “En troques de xestionar os datos das cuadrículas e as concesións mineiras de maneira pública, deléganos aos empresarios do sector”, explica a profesora en Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela, Alba Nogueira, a Nós Diario

A opacidade dos lobbies

A Xunta da Galiza considera a Cámara Mineira Galega, nas súas liñas de axuda “ao fomento do sector mineiro cara unha minaría sostíbel, unha “entidade sen ánimo de lucro”. Tamén a Asociación Galega de Áridos, organización empresarial nada en 1999; o Clúster da Pizarra da Galiza, un conglomerado de máis de 50 compañías; a Asociación Galega da Propiedade Balnearia ou a Fundación Centro Tecnolóxico da Lousa da Galiza. Entre as convocatorias de 2019 e 2020, cuxa resolución foi publicada o pasado 9 de xaneiro, a Xunta destinou a estas e outras agrupacións do sector aproximadamente 1,889.600 euros.

Deste orzamento, houbo varias partidas dedicadas á promoción da actividade mineira. En 2019 destináronse 43.761,12 euros á Cámara Mineira Galega para a creación de unidades didácticas sobre minaría para crianzas ou 25.884,11 euros á Asociación Galega de Áridos para a elaboración de Os áridos, un día na canteira con Lagartiño. En 2020, 20.013,61 euros foron dirixidos á elaboración da segunda fase da campaña Que sabes dos áridos, e 82.665,67 euros para un proxecto de “divulgación do sector mineiro e do subsector da lousa na Galiza”.

"As empresas mineiras contan coa complicidade da Xunta para facer campañas de publicidade”, denuncia Margarita Prieto Ledo a este medio, “no outro extremo, a quen denunciamos os impactos da actividade mineira, a Xunta néganos o acceso aos expedientes ou ponnos todo tipo de atrancos para acceder a eles”. Prieto é coordinadora da loita contra a minaría do Sindicato Labrego Galego e a súa representante na rede ContraminAcción. 

A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.