Patrimonio Natural constata “un risco moi alto” do proxecto mineiro de Touro para a poboación e o medio ambiente

O último informe desta Dirección Xeral levou a mineira a pedir unha suspensión de catro meses na tramitación da Declaración de Impacto Ambiental, afirma Adega.

A actualización do proxecto mineiro presentado por Cobre San Rafael para Touro-O Pino non convence a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta, que constata “a existencia dun risco moi alto de falla e con consecuencias, por tanto, sobre poboacións humanas e medio ambiente”. Vén de desvelar isto Adega, que a través do seu serial ‘Touroleaks’ vai debullando diversos informes e documentos que cuestionan o proxecto mineiro.

 

No informe de Patrimonio faise referencia a aspectos críticos dos impactos do proxecto, que ou ben non son contemplados ou as propostas da mineira resultan insuficientes en eidos como especies protexidas, riscos do proxecto ou responsabilidade dos operadores.

 

En xuño de 2018 diversos departamentos da Xunta (Augas, Medio Rural, Sanidade, Medio Ambiente) emitiron informes sectoriais moi críticos co proxecto mineiro, lembra a asociación. Subliñaban unha manchea de carencias e inexactitudes que ían provocar contaminación das traídas, dos acuíferos, da atmosfera, risco de derrubamento, etc. En resposta, Cobre San Rafael pediu a suspensión dos prazos administrativos para presentar unha “actualización” do proxecto.  A principios de febreiro deste ano, afirma Adega, tras o último informe da D.X. de Patrimonio Natural a mineira solicitou unha suspensión de 4 meses na tramitación da DIA (Declaración de Impacto Ambiental).