Diminúe na Galiza o total de casos activos de coronavirus, con 308

Proba do test do coronavirus na Galiza (Imaxe: Xunta)
Permanece a vixilancia nos dous focos detectados nas comarcas da Mariña, no que os positivos xa ascenden a 22, e na do Barbanza.

Segundo os últimos datos da Consellaría de Sanidade, permanecen activos na Galiza 308 casos de coronavirus, mentres que as persoas curadas aumentaron a 16 e sitúanse nas 10.6060. Do total de pacientes, catro permanecen en unidades de hospitalización, os mesmos que onte, mentres que as Unidades de Coidados Intensivos permanecen sen casos da COVID-19.

Do total, 131 dos casos positivos corresponden á area sanitaria de Vigo, con dous menos que na sexta feira; 75 á área da Coruña e Cee, con seis menos; 26 á de Compostela e o Barbanza; 22 á de Ourense, cun positivo máis; 24 á de Lugo, con tres máis, once á de Ferrol e nove á de Pontevedra, cun caso máis.

Nas residencias de maiores a situación permanece sen cambios, con cinco casos activos dos cales un é dun traballador. En concreto, rexístranse tres casos positivos en usuarias e usuarios da residencia Santa Teresa Jornet da Coruña e outro en Caser A Zapateira, no concello de Culleredo. Desde o sábado 13 de xuño non se rexistran contaxios na rede de atención a persoas con discapacidade.

Aumentan os contaxios na Mariña

Ademais, permanece a vixilancia nos brotes detectados nas comarcas do Barbanza e da Mariña. Neste último, persiste o rastrexo de contactos para determinar se até 22 persoas se contaxiaron a raíz dun mesmo foco ou se existen dous diferentes. As residencias da comarca permanecen na fase un do plan de reactivación por prevención, coas visitas restrinxidas a unha semanal e coa prohibición de recibiren novos ingresos.

A Consellaría de Sanidade lembra nun comunicado que o primeiro caso detectouse a pasada segunda feira no Concello de Xove, dando comezo aos labores de rastrexo e análise dos contactos. Polo momento, xa se realizaron máis de 200 probas, con 22 resultados positivos, á agarda de máis estudos.

.