Dificultades económicas ou malestar mental, outras faces do cancro de mama

Imaxe dunha mamografía para detectar o cancro de mama (Imaxe: Europa Press)
Máis alá da familia e das amizades, a psicoloxía ofrece apoio ás mulleres diagnosticadas con cancro de mama para asimilar as consecuencias da enfermidade. A Asociación Española Contra o Cancro, que ofrece este servizo, pide prestar tamén atención ás necesidades materiais que abrollan con esta doenza. 

Detrás dos coidados dunha persoa enferma de cancro case sempre está a man dunha muller. Unha parella, unha filla, unha nora. Por iso, cando a unha muller lle diagnostican esta doenza o sentimento de responsabilidade sobre as crianzas, a parella ou as persoas maiores ao seu cargo dificultan que externalice a súa dor, o seu medo e as súas inquedanzas. E o apoio psicolóxico cobra aínda máis importancia.

As mulleres que atendo explícanme que senten presión para non amosar a súa debilidade, di Marcos Calvo

"As mulleres que atendo explícanme que senten presión para non amosar a súa debilidade, cando facelo é moi san. E non obstante sorrín, aparentan estar alegres a pesar de que están a vivir algo moi duro", explica o psicológo Marcos Calvo, profesional da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) na súa sede da Coruña.

Calvo conversa con este medio sobre a súa experiencia con mulleres diagnosticadas con cancro de mama. "Máis da metade presentan malestar psicolóxico moderado ou alto", indica. Nalgúns casos, o centro hospitalario ofrece o servizo de apoio psicolóxio, noutros entran en escena entidades sen ánimo de lucro como a AECC. Esta conta, entre outros, cun programa gratuíto enfocado ao "primeiro impacto" da doenza na vida das mulleres. 

"Esa parte inicial é moi delicada. Existe a sensación de que algo malo medra dentro do corpo, muda a percepción da enfermidade e os tempos de agarda polo tratamento son moi duros", explica Calvo. Uns tempos que no caso das probas para unha diagnose se viron incrementados nos pasados meses por mor da pandemia. "Coas consecuencias para a saúde mental que isto leva consigo. Houbo moitas persoas que se sentiron vulnerábeis e desprotexidas", di o psicólogo.

Houbo moitas persoas que se sentiron vulnerábeis e desprotexidas na pandemia, di o psicólogo

Nas sesións trabállase non só para dixerir a diagnose, senón tamén para rachar a barreira da da sobreprotección, animando as pacientes a partillar a súa dor ou incerteza coas persoas queridas. "E que estas tamén poidan compartir o que senten, moitas veces non o fan por temor a cargar máis a persoa enferma", puntualiza Calvo.

Outros momentos chave de apoio a nivel de saúde mental son o momento do tratamento, especialmente cando este é máis agresivo e de longa duración, e as semanas posteriores a finalizalo. "Até entón o foco está posto na supervivencia, despois moitos sentimentos aboian e prodúcese un baixón. Inflúen tamén as secuelas polo tratamento, o corpo está feble e non se pode volver á rutina da maneira que se querería", engade o psicólogo. 

O impacto material

Nalgúns casos, esta volta á rutina nin tan sequera se produce. "Hai quen non chega a recuperar o emprego que tiña antes da enfermidade, e a nivel económico o cancro pode afondar na probreza ou chegar a provocala", di este profesional. Nesa face menos obvia das consecuencias do cancro de mama afondou a AECC na súa campaña este ano polo Día Internacional do Cancro de Mama, o 19 de outubro.

A nivel económico o cancro pode afondar na probreza ou chegar a provocala, advirte Calvo

Nese senso, Calvo incide en que a enfermidade leva consigo uns gastos máis alá dos do propio tratamento. "De transporte, da contratación dunha profesional para a limpeza do fogar ou o coidado de crianzas e maiores ou en farmacia ou parafarmacia que cómpre ter en conta", afirma.