Até 20 días de espera para conseguir a receita para o tratamento de cancro de mama en Soutomaior

Mobilización en defensa da sanidade pública, en Arcade (Soutomaior), nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Nós Diario).

A Consellaría de Sanidade continúa a negarse a cubrir as baixas e as vacacións dos facultativos do centro médico de Arcade, o único centro médico que queda en activo no Concello de Soutomaior. A situación provoca atrasos e cancelacións sen citas sen previo aviso, mesmo para conseguir receitas de doentes oncolóxicos.

 

 

O 24 de setembro, Sonia, nome figurado, pedía cita no seu médico de Atención Primaria, que atende no consultorio de Arcade (Soutomaior) para renovar a receita do Letrozol, un inhibidor da aromatasa (tratamento anti-hormonal) para previr a recorrencia do cancro de mama ER+. “Non había cita até o 5 de outubro”, sinala, en declaracións a este medio.

O 5 de outubro, Sonia permaneceu co teléfono móbil durante todo o día á espera da chamada do facultativo, mais non soou. “Tiven a sorte de que o día 6, ás 8 da mañá, en canto abriu o centro de saúde, colleron o teléfono á terceira e explicáronme que non chamaran porque non había médico e que non sabía cando volvería haber”, explica.

A paciente pon de manifesto que informou a quen lle atendeu ao administrativo do centro de saúde precisaba a receita do Letrozol e citouna para sete días despois: “Díxome que a ver se entón tiñamos médico”.

Hoxe, 9 de outubro, a través da internet, a cita máis próxima co médico en Arcade é para o 19. “É algo recorrente, levamos anos denunciándoo sen que o Partido Popular faga nada”, pon de manifesto Manuel Lourenzo, portavoz municipal do BNG e deputado no Parlamento da Galiza. Presentou o mes pasado novas iniciativas parlamentares para reverter unha situación que se prolonga no tempo.

Tres médicos para 7.400 habitantes

“Desde o inicio da pandemia e sen explicación ningunha, o consultorio de Soutomaior está fechado e só funciona o de Arcade. Para unha poboación de máis de 7.395 habitantes só hai tres médicos e cada un deles ten un cupo brutal de pacientes, uns 1.800, cando se recomendan non máis de 1.200”, salienta, en declaracións a Nós Diario.

“Exixímoslle ao Partido Popular que cese con este maltrato á sanidade pública, aos seus traballadores e traballadoras e á veciñanza do noso concello e farémolo no concello, no parlamento e alá onde faga falla”, conclúe Lourenzo.

O concello veciño de Vilaboa, con 5.874 habitantes, ten catro médicos. Cando a pediatra de Arcade ou a de Vilaboa se ausentan por baixas ou permisos, a que resta ten que desdobrarse para atender nos dous municipios.

Sen material para analíticas a bebés

A falta de persoal súmase á falta de recursos materiais. O día 28 de setembro, unha nai tivo que acudir ao consultorio para someter a unha análise de sangue ao seu bebé e derivárona a Pontevedra por carecer o ambulatorio de material para pinchar crianzas. Cos casos de Covid-19 en aumento e despois de visitar o centro de saúde de Arcade tivo que dirixirse co fillo de tres meses a Pontevedra.