A crise sanitaria provocada polo coronavirus freou probas diagnósticas e tratamentos de cancro

A crise sanitaria provocada polo coronavirus freou probas diagnósticas e tratamentos (Europa Press)
A paralización da actividade asistencial durante a crise sanitaria do coronavirus atrasou aínda máis consultas e probas diagnósticas, alén de complicar tratamentos. As e os enfermos oncolóxicos sufriron neste tempo un forte impacto emocional que agora exixe unha atención especializada

Tratamentos aprazados, atrasos nas probas diagnósticas, problemas de ansiedade e depresión. O caso do paciente oncolóxico Braulio Amaro, á espera dun tratamento máis de oito meses e do que se fixo eco Nós Diario, é un deles. As consecuencias do confinamento e da paralización, con boa parte dos recursos sanitarios destinados a combater a propagación do coronavirus provocou unha "emerxencia en cáncer", segundo a alerta lanzada pola Asociación Española Contra o Cancro. Nunha carta aberta, dirixida ao Goberno do Estado, a AECC asegura que o cancro non se detivo e afectou a vida das doentes de forma extraordinaria. Cada ano diagnostícanse na Galiza máis de 19.000 novos casos de cancro. Cunha taxa de prevalencia de 2%, segundo datos da AECC, o número de casos detectados por cada 100.000 habitantes é de 714. O cancro colorrectal, de mama, de próstata e de pulmón son os que contan con maior número de diagnósticos, seguidos dos de pel.

Medo e incerteza

As cifras serven para describir o impacto da enfermidade no territorio e mais para explicar a afectación real das pacientes oncolóxicas. "Após meses de confinamento, cómpre ter en conta as súas experiencias e o reordenamento do sistema sanitario", sinalan desde a asociación estatal. Así, urxen unha análise en profundidade da pegada da pandemia en todos os ámbitos do cancro: prevención, atención ás doentes e ás súas coidadoras e investigación. Porén, as familias afectadas xa trasladaron algunhas das dificultades coas que bateron neste tempo. Probas diagnósticas e tratamentos demorados, dificultades no desenvolvemento dos coidados paliativos, falta de medidas de protección.

Neste sentido, a AECC tamén detectou un fortísimo impacto na saúde mental das persoas enfermas. Ansiedade froito das incertezas, medo ao contaxio ou a volver aos hospitais, soidade imposta polo confinamento e sufrimento derivado das complicacións para garantir os coidados no proceso final de vida resumen boa parte do impacto emocional da epidemia, polo que urxe, explica a psicóloga Ainhoa Carrasco a este xornal, "reforzar a atención psicolóxica". O Observatorio do Cancro da AECC xa elaborou un estudo que revela que o grao de preocupación pola pandemia é superior en pacientes oncolóxicas. Polo medo ao contaxio da enfermidade pero tamén pola contaminación informativa constante.

Cribados e investigación

Con todo, poñen o acento na necesidade de reaccionar con rapidez ante os impactos engadidos da crise. Os cribados do cancro paralizáronse e cómpre volvelos pór en marcha canto antes "para que ningunha persoa perda a oportunidade de salvar a súa vida", sinala Carrasco.

Estes protocolos e a reapertura das consultas traerán novos casos, por iso convén reforzar a investigación. Reactivar os proxectos e investir noutros novos que garantan a continuidade do talento investigador e o cumprimento do "gran reto de aquí a 2030": aumentar a supervivencia das persoas con cancro a 70% e mellorar a súa calidade de vida. A chave está, din, na abordaxe integral do cancro a partir das leccións aprendidas durante a crise da COVID-19.