A Xunta recomenda limitar as estadías no exterior ou empregar máscaras FFP2 fronte ao fume dos incendios
Dificultade respiratoria, dor de cabeza ou irritacións en ollos e gorxa: consecuencias da mestura de gases e partículas microscópicas (PM2,5 e PM10) do fume provocado polos lumes.
A Xunta da Galiza, ante a situación de incendios forestais que afecta diversas zonas do territorio, quere trasladar á poboación unha serie de recomendacións sanitarias para minimizar os riscos asociados á inhalación do fume ou á cinza. O fume xerado nos incendios contén unha mestura de gases e partículas microscópicas (PM2,5 e PM10) que poden causar irritacións nos ollos, nariz, gorxa e pulmóns, ademais de provocar dor de cabeza, dor torácica ou dificultade respiratoria.
Aínda que as recomendacións son válidas para toda a poboación, cómpre prestar especial atención aos grupos máis vulnerábeis como son os nenos e as nenas, as mulleres embarazadas e as persoas con enfermidades pulmonares, como asma ou EPOC, e enfermidades cardíacas. As principais recomendacións para a poboación exposta, con independencia doutras existentes sobre a súa seguridade, son as seguintes:
- Limitar ao máximo as estadías no exterior e evitar realizar actividade física ao aire libre.
- De necesitar saír ao exterior, empregar máscaras filtrantes mínimo FFP2, xa que aínda que non evitan o paso dos gases e das partículas de menor tamaño, si reteñen as partículas máis grandes. Se é posible, empregar gafas para protexer tamén os ollos de irritacións oculares.
- Recoméndase permanecer dentro da casa, manter o aire interior tan limpo como sexa posíbel e pechar portas e fiestras.
- En caso de dispor de aire acondicionado, recoméndase utilizalo, preferentemente con filtros de alta eficiencia que permitan captar as partículas finas do fume. Se o sistema conta cunha entrada de aire fresco, débese colocar en modo de recirculación ou pechar o regulador de toma de aire exterior. Unha boa medida para manter limpo o aire da casa é a utilización dun purificador de aire portátil.
- Non utilizar elementos que poidan incrementar a contaminación do aire en interiores, como candeas, e evitar fumar.
- Ao proceder á limpeza das cinzas é importante extremar as precaucións. Recoméndase o uso de máscara, luvas, roupa de manga longa, pantalóns longos, zapatos e calcetíns para protexer a pel, así como o uso de gafas para protexer os ollos.
-En caso de contacto das cinzas, lavar as zonas expostas da pel, ollos ou na boca o antes posible.
- Manterse ao tanto das mensaxes de emerxencias sobre as medidas adicionais de seguridade.
A calidade do aire en Galicia pode consultarse a través da web de MeteoGaliza, onde se informa do índice de calidade do aire (ICA).
Por outra parte, ante posíbeis interrupcións no subministro eléctrico, recoméndase seguir en todo momento as indicacións das autoridades sanitarias respecto á auga de consumo e á seguridade alimentaria.
