A calidade do aire mantense entre regular e pésima por mor dos incendios forestais
A calidade do aire en Ourense continúa véndose afectada polos efectos dos incendios forestais na provincia, onde 13 lumes sen extinguir -12 activos e un estabilizado- calcinan ao redor de 50.570 hectáreas, segundo a última actualización da Consellaría do Medio Rural.
Meteogaliza advirte de que os lumes incrementan en gran medida os niveis de partículas PM10 e PM2,5. Así, 10% das estacións da axencia autonómica rexistran calidades entre mala e pésima, de forma que as consecuencias dos mesmos afectan tamén Lugo.
Os datos recollidos indican que, ás 11 horas do domingo, a calidade do aire é regular en Xinzo de Limia e moi mala na cidade de Ourense -debido ao contaminante PM25-, onde a estación está situada de forma próxima á estación de ferrocarril e á estrada N-120.
A estación de Laza informaba dunha calidade pésima até as 04 horas, instante desde o que xa non ofrece datos. O estado que presentaba nas primeiras horas da madrugada do domingo foi o que mantivo durante todo o sábado.
Os efectos do fume xerado por incendios trasládanse de igual forma ao sur da provincia de Lugo, onde a calidade é entre pésima e mala nas estacións situadas en Sarria e Vilar. Incluso a cidade de Lugo rexistra unha calidade do aire regular.
Polo momento, o resto da Galiza mostra polo xeral unha calidade do aire boa ou favorábel, con dúas excepcións: en Lalín (O Deaz), permanece nun estado malo; e nas Pontes (O Eume), regular.
Meteogaliza advirte que se agarda intrusión de masas de aire africano polo que os niveis de partículas (PM) poderán verse incrementados.
Alertas por calor
Por outra parte, a zona do Miño en Ourense e o sur da provincia estarán este domingo en alerta amarela por altas temperaturas, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET). Desta forma, o aviso comezará ás 11.00 horas desta xornada e estenderase ata as 20.59 horas. Durante ese tempo espéranse temperaturas que poidan alcanzar os 36 graos.
