Os diferentes grupos burbulla poderán interactuar e compartir obxectos se a incidencia é baixa

Un grupo de estudantes na EBAU. (Foto: Cézaro de Luca / Europa Press)
O documento que regula as medidas para afrontar o próximo curso escolar no contexto da pandemia foi dado a coñecer polo Consello Escolar da Galiza esta sexta feira. Recolle, entre outras cuestións, unha diminución das distancias de seguridade entre alumnas.

O Protocolo de adaptación aos centros de educación non universitaria de Galicia para o próximo curso 2021-2022 dado a coñecer esta sexta feira polo Consello Escolar da Galiza, nun acto no que estiveron presentes, entre outros, os conselleiros de Educación e Sanidade, Román Rodríguez e Julio García Comesaña, respectivamente, permitirá que as crianzas de distintos grupos burbulla creados como protección fronte á pandemia compartan espazo nos recreos.

"Os grupos burbulla van poder interactuar ao aire libre nos recreos e van poder xogar entre eles. Algo tan sinxelo como xogar cunha pelota ao baloncesto ou ao fútbol nun recreo, que antes non se podía, agora vaise a poder facer", explicou Rodríguez, que tamén aludiu ao feito de que se compartan obxectos se a incidencia é baixa.

As estudantes poderán compartir obxectos tanto no interior como no exterior dos complexos educativos, sempre aplicando as medidas de hixiene decretadas. Será, ao igual que para poder interactuar, cunha incidencia epidemiolóxica baixa.

O documento conta co visto e prace do Comité Clínico, que tivo a oportunidade de analizalo no encontro da terza feira. No texto recóllense tamén outras medidas de transición para volver da situación de crise pola Covid-19 á normalidade pouco a pouco.

Neste próximo curso lectivo o prioritario e garantir a seguridade e o ensino, tendo en conta que as e os menores de 20 anos non comezarán a ser vacinados até mediados de setembro, segundo se estimou tamén nesta sexta feira. En todo caso, os centros van estar abertos porque haberá actividade lectiva presencial en todas as etapas.

Aulas e servizos comúns

En canto á organización nas aulas, nas etapas de Infantil, Primaria e Educación Especial, nenas e nenos seguirán organizados en grupos de convivencia estábel, tanto na aula como fóra dela (é dicir, en recreos e comedor), polo que non se aplicarán criterios de distancia nestes casos.

Para o resto das etapas, a distancia xeral na aula será de 1,2 metros. E para todas as etapas é obrigatorio o uso da máscara todo o tempo a partir do seis anos, e recomendábel para os menores de seis.

As bibliotecas escolares aplicarán a capacidade xeral das bibliotecas públicas -na actualidade está no 75%- e recuperan o procedemento habitual de préstamo de libros e material sen que teñan que ser sometidos a corentenas.

No que respecta ás medidas básicas de prevención, mantéñense todas as pautas hixiénicas (lavado de mans, emprego de hidroxel ou reforzo da limpeza de espazos e mobiliario entre outros), así como os protocolos de ventilación vixentes, facendo especial fincapé na ventilación frecuente ao comezo e ao termo da xornada e nos cambios de aula, así como a ventilación cruzada para favorecer a circulación.

"Será en todo momento a situación epidemiolóxica a que nos marque o camiño a seguir", advertiu Rodríguez, pois tampouco se descarta que o coronavirus poida implicar un cambio de plans.