O PP desbota manter a cifra de docentes deste curso

O curso reforzouse con 2.300 profesoras e profesores máis, pero o PP non ve o seu mantemento para o vindeiro ano escolar, e víncúlao aos recursos que achegue o Estado.
Profesorado de Secundaria. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)
photo_camera A oposición reclama máis profesorado no ensino galego (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)

O mantemento para o vindeiro ano académico dos 2.300 docentes contratados este curso como reforzo ante a pandemia atopou no Parlamento galego a oposición do Partido Popular. 

O grupo socialista, nunha iniciativa que contou co apoio do BNG, demandou na Cámara á Consellaría de Educación manter para o próximo curso e, como mínimo, o mesmo número de profesoras e profesores contratados para facer fronte á pandemia da Covid-19, tal e como reclaman os sindicatos de profesorado e a comunidade escolar.

O deputado socialista Luis Álvarez xustificou a medida no "compromiso" demostrado este curso pola comunidade educativa e en que o panorama para o próximo curso, con grupos de convivencia, distancia de 1,2 metros entre o alumnado na aula e uso da máscara, non avanza "un futuro moi diferente do que se viviu" este mesmo período académico.

"Temos a seguridade de que o Goberno estatal transferirá ás comunidades o orzamento suficiente para manter o mesmo número de profesores deste curso", sinalou, con independencia daqueles efectivos que se poidan incrementar debido á oferta educativa, e lembrou que a propia ministra de Educación, Isabel Celaá, pediu aos mandatarios autonómicos manter o reforzo de efectivos.

Desde o BNG, Manuel Lourenzo incidiu en que a pandemia puxo en evidencia "os problemas estruturais" do sistema educativo, tanto pola saturación horaria, a " burocratización absurda" dos centros como os problemas en materia de dixitalización.

Ovidio Rodeiro (PP) instou a "ver as necesidades" de cada curso antes de comprometer unha contratación de docentes, aínda que presentou unha emenda en que vinculou o mantemento do reforzo de profesorado a que o Goberno español facilite as partidas e recursos económicos necesarios.

Comentarios